A sexta edición do 17º Ribeira Sacra reúne 15 bandas no seu cartel co apoio da Xunta a través das subvencións a eventos musicais e da marca de calidade FEST Galicia

  O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participa na presentación desta cita que se celebra entre os días 28 e 31 en adegas, paraxes naturais e enclaves históricos da contorna

  Este encontro, que inclúe no seu programa bandas como Eladio y los Seres Queridos, Lola Marsh Coolnenas ou Manel, é un dos 21 beneficiarios das axudas da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades á organización de festivais

A sexta edición do 17º Ribeira Sacra reúne 15 bandas no seu cartel co apoio da Xunta a través das subvencións a eventos musicais e da marca de calidade FEST Galicia
[18/07/2022]
 A sexta edición do 17º Ribeira Sacra Festival ofrecerá os concertos de 15 bandas entre os días 28 e 31 de xullo, para o que contará coa contribución da Xunta de Galicia a través dunha dupla vía. Por unha banda, este encontro musical, que reparte o seu programa entre diversos concellos pertencentes á comarca da denominada viticultura heroica, está adherido á marca FEST Galicia coa que o Goberno galego promove a nosa Comunidade como destino musical de calidade. Pola outra, é un dos 21 festivais beneficiarios da convocatoria anual de axudas á que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina 350.000 euros para contribuír á organización de eventos musicais de carácter profesional e considerados estratéxicos.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acudiu hoxe ás Bodegas Regina Viarum para participar na presentación do 17ºRibeira Sacra Festival xunto ao seu director, Carlos A. Montilla, e representantes doutras entidades patrocinadoras. Sutil sinalou “a variedade e a calidade” do cartel deste festival que amosa como a cultura “revitaliza o rural e establece sinerxías” con sectores como a gastronomía, o patrimonio, a natureza e a viticultura, catro piares nos que sustenta tanto a riqueza da Ribeira Sacra coma a actividade do festival.  
 
Enclaves singulares
A singularidade dos espazos nos que se instalarán os escenarios é un dos sinais de identidade do 17ºRibeira Sacra Festival, que neste 2022 volve apostar por brindarlle ao público a posibilidade de gozar con propostas musicais de calidade en lugares de excepcional beleza desta contorna natural na que conflúen os ríos Sil, Miño e Cabe. Os concertos terán lugar así en enclaves naturais como o Mirador de Santiorxo, no casco antigo de Chantada, na reitoral de artesanía de Gundivós ou mesmo nun catamarán en plena navegación polo propio Sil.
 
Nesta liña, o representante da Xunta de Galicia puxo en valor o potencial dinamizador da música como atractivo turístico, ao tempo que destacou como a actividade do 17º Ribeira Sacra Festival encaixa á perfección cos obxectivos de FEST Galicia, marca coa que a Xunta promociona o noso territorio cara ao exterior como lugar de referencia e de calidade a través de eventos que funcionan de xeito profesional e que lle achegan valores engadidos á experiencia musical tanto na súa oferta de actividades como na súa xestión e organización.
 
Un día máis de programa
A sexta edición do 17º Ribeira Sacra Festival ampliará neste 2022 a súa duración ao incorporar unha cuarta xornada ao seu programa. O cartel deste ano repartirá así entre o xoves 28 e o domingo 31 os concertos de 15 bandas que conforman unha selección de propostas de calidade, tanto do panorama nacional coma do internacional. Bandas e solistas como os británicos The Hanging Stars, os escoceses Teenage Fan Club, os israelís do grupo Lola Marsh, o vasco Amorante, a madrileña Alicia Wonder ou cataláns Manel actuarán nos diferentes escenarios.
 
A representación galega corre a cargo de formacións artísticas como Eladio y los Seres Queridos, Rapariga DJ ou Coolnenas, colectivo que inclúe a compostelá mariagrep, a viguesa Daniela Díaz Costas —máis coñecida simplemente como dani— e a canaria Kimberley Tell.
 
A programación desta sexta edición inclúe tamén unha selección de actividades paralelas ao redor da natureza e da gastronomía. Na oferta deste ano, destaca a cata Territorios Vinícolas, que terá lugar no Parador de Monforte e na que se darán probar viños de tres áreas de produción vencellados entre si por acoller festivais irmáns do 17º Ribeira Sacra Festival: Esférica Rioja Alavesa e Nómade, en els Alforins (Valencia).

17ºRibeira Sacra Festival