A Xunta apoia o Festival Sinsal 2022 na illa de San Simón a través da marca FEST Galicia e das subvencións a eventos musicais profesionais

  A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitaron a montaxe dos escenarios

  O festival obtivo un financiamento de máis de 50.000 euros por parte da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades

A Xunta apoia o Festival Sinsal 2022 na illa de San Simón a través da marca FEST Galicia e das subvencións a eventos musicais profesionais
[21/07/2022]
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia celebrarase en San Simón do 22 ao 24 de xullo co apoio da Xunta de Galicia e, como vén sendo habitual, cun cartel que o público só coñece ao desembarcar na illa.  A cita conta cun financiamento de máis de 50.000 euros por parte do Goberno galego a través dunha dupla vía, ao estar adherida a FEST Galicia, marca para a promoción de Galicia como destino musical de calidade, e por ser un dos 21 festivais beneficiarios da convocatoria anual de axudas á que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina 350.000 euros para contribuír á organización de eventos musicais de carácter profesional e considerados estratéxicos.

A delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitaron este xoves na illa redondelá a montaxe dos escenarios dun dos encontros sonoros máis singulares do panorama musical estatal.
 
Os organizadores confirmaron que, unha vez máis, o festival se iniciará coas entradas xa esgotadas para un cartel artístico que permanece en secreto ata o mesmo momento da chegada á illa, á que se accederá en barco desde os peiraos de Vigo e de Meirande.
 
“Teño que felicitar á organización do festival pola súa capacidade para ofrecer unha cita musical diferente e confirmar así que a diferenciación e a profesionalidade son claves para o éxito de calquera iniciativa cultural”, sinalou Fernández-Tapias durante a visita á illa.
 
Actividades paralelas
Segundo explicaron os responsables do festival, en paralelo á programación musical, tamén haberá multitude de actividades para o público asistente. Ademais das anunciadas iniciativas en pedal surf, os microconcertos de Santo Antón ou os obradoiros familiares de reciclaxe, durante o festival poderanse contemplar dúas exposicións, nomeadas A escola Sinsal: 20 ideas para presumir de vintage e Por que as túas fillas escoitan trap?, que contarán con visitas guiadas e parladoiros.
 
Por último, celebraranse paseos pola illa co artista Xosé Lois Gutiérrez Faílde e con Amarturmar, a asociación cultural de mulleres e homes do mar de Cesantes.  A través do camiñar e da contemplación, os participantes neste roteiro tecerán, en común, un imaxinario particular fiando os relatos e as memorias que compoñen a idea do lugar coa intención de manter a fascinación, e tamén o conflito, na relación co territorio.

-FEST Galicia
-Festival Sinsal