A Xunta facilita a preprodución de 47 novos proxectos para cinema, televisión e plataformas de vídeo baixo demanda con 1,2 millóns en axudas a 12 produtoras galegas

  Publícase a adxudicación desta liña de subvencións do Hub Audiovisual galego, pioneira a nivel estatal, para o desenvolvemento simultáneo de entre tres e cinco propostas de filmes e series

   Este fondo extraordinario propicia que as empresas poidan traballar en diferentes títulos á vez, de xeito que se multipliquen as posibilidades de levar a cabo un proxecto viable e se reactive a contratación de profesionais e servizos relacionados

  Abano Producións, Cósmica Producións, CTV, Ficción Producciones, Filmika Galaika, Frida Films, Maruxiña Film Company, Miramemira, Portocabo TV, Somadrome Films, Vaca Films Studio e Zeitun Films son as beneficiarias desta convocatoria

A Xunta facilita a preprodución de 47 novos proxectos para cinema, televisión e plataformas de vídeo baixo demanda con 1,2 millóns en axudas a 12 produtoras galegas
[01/08/2022]
A Xunta de Galicia acaba de adxudicar 1,2 millóns de euros en axudas do seu Hub Audiovisual a 12 produtoras galegas para propiciar o desenvolvemento simultáneo de 47 futuros proxectos para cinema, televisión e plataformas de vídeo baixo demanda. Trátase dun fondo concibido como capital semente co obxectivo de que cada unha das beneficiarias poida traballar na preprodución de entre tres e cinco títulos á vez, de xeito que se multipliquen as posibilidades de éxito cara á súa produción, ao tempo que se reactive a contratación de profesionais e servizos relacionados.

Segundo a resolución publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, Abano Producións, Cósmica Producións, CTV, Ficción Producciones, Filmika Galaika, Frida Films, Maruxiña Film Company, Miramemira, Portocabo TV, Somadrome Films, Vaca Films Studio e Zeitun Films son as beneficiarias desta convocatoria extraordinaria, a través da que recibirán diferentes contías que oscilan entre os 65.000 e os 150.000 euros.
 
Subvencións pioneiras en España
Pioneiras a nivel estatal, estas subvencións están inspiradas no modelo Slate Funding do subprograma Media de Europa Creativa e pensadas especificamente para paquetes de proxectos sobre os que as produtoras beneficiarias teñen dereitos suficientes de propiedade intelectual, así como un acordo ou precontrato coas persoas encargadas do guión e da dirección. A Xunta contribúe  a dotalas dos medios suficientes para afrontar a preprodución en paralelo das súas propostas, entre as que se atopan longametraxes e series de ficción, animación e documentais.
 
O principal obxectivo é obter unha carteira de proxectos de propiedade industrial galega, con contidos sólidos, ambiciosos e competitivos no mercado global cara á captación doutros financiamentos no mercado internacional. Ao tempo, este investimento redundará nunha reactivación do conxunto da industria, ao aumentar a demanda de propostas e a contratación de profesionais creativos e de servizos relacionados cos procesos previos á produción audiovisual. 
 
Con este fondo, refórzase ademais a liña de traballo que a Xunta mantén desde 2013 coas súas subvencións anuais ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais, a través das que en 2021 se adxudicaron 300.000 euros entre 17 futuras producións. A experiencia destes anos permitiu constatar que os títulos apoiados nesta fase previa encaran a súa produción con máis alianzas estratéxicas, tanto a nivel financeiro como artístico, e cunha maior calidade no seu deseño, que se vén reflectindo nos múltiples recoñecementos internacionais a obras audiovisuais galegas.
 
A convocatoria de axudas para paquetes de proxectos forma parte do conxunto de medidas deseñadas pola Xunta no marco do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural, un programa extraordinario de apoio ás industrias culturais galegas que supón unha inxección económica sen precedentes de 9,6 millóns de euros. Este investimento executarase durante ata  a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.