Novas
A Xunta apoia a nova dirección de Culturgal na reformulación de modelo de feira


[02/08/2022]
A organización de Culturgal está a aproveitar o verán para ultimar os detalles dunha 15ª edición na que a súa nova dirección procurará a renovación do modelo feiral, o impulso da comunicación e a potenciación do encontro entre o sector cultural e o público. Para acadar estes e outros obxectivos, o evento que terá lugar en Pontevedra do 25 ao 27 de novembro conta un ano máis co apoio económico da Xunta de Galicia.O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, trasladoulles este compromiso do Goberno autonómico ao presidente da asociación Culturgal, Víctor López, e á nova directora da feira, Eva Alonso, na xuntanza que mantiveron na Cidade da Cultura. Nela, abordáronse as liñas de acción e prioridades para este 2022, que se darán a coñecer na primeira quincena de setembro, momento en que tamén se abrirá o prazo para que empresas, entidades e axentes culturais reserven o seu espazo no recinto feiral de Culturgal.
Xornada previa para profesionais
Entre as novidades previstas, destaca a ampliación do programa ao sumarlle unha xornada previa destinada en exclusiva a axentes sectoriais. Culturgal celebrará así o xoves 24 de novembro un programa específico para atraer un maior número de profesionais e servir de cruce de camiños entre as distintas disciplinas creativas para propiciar deste xeito o nacemento de novos proxectos.
Este é un dos propósitos para a 15ª edición, cuxa dirección asume Eva Alonso tras resultar seleccionado o seu proxecto na convocatoria aberta este ano para anovar o modelo feiral. A reformulación implica un novo deseño de programación que están a concordar a dirección e as entidades que forman a asociación Culturgal: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). O obxectivo último é afondar na calidade das propostas e alcanzar unha maior implicación do público nas actividades.
Culturgal contará un ano máis coa implicación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para actuar como un espazo no que artistas e empresas entren en contacto directo con profesionais da xestión cultural, programadores e institucións. Ao tempo, o evento ofreceralle tamén ao público unha escolma representativa da nosa produción cultural nos eidos da literatura, a escena, o audiovisual e a música.
Páxina web de Culturgal