Festaclown leva a Vilagarcía de Arousa unha vintena de espectáculos co apoio da Xunta a través das axudas a festivais de artes escénicas

  O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na presentación do evento, que ofrecerá un amplo programa de clown, acrobacias, música, narración e humor entre os días 17 e 21 de agosto

  Esta cita, que inclúe nomes galegos como Fran Boza, Desastrounauts ou Troula, é unhas das 13 beneficiarias das subvencións a mostras escénicas ás que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina 200.000 euros este ano

Festaclown leva a Vilagarcía de Arousa unha vintena de espectáculos co apoio da Xunta a través das axudas a festivais de artes escénicas
[04/08/2022]
Festaclown regresa a Vilagarcía de Arousa do 17 ao 21 de agosto cunha vintena de actuacións de compañías e artistas de referencia no mundo do circo, tanto dentro como fóra de Galicia. Durante cinco días sucederanse en diferentes espazos da localidade espectáculos de acrobacias, música, narración e clown, que conforman no seu conxunto un amplo programa escénico para o que a organización conta un ano máis co apoio económico da Xunta.

A implicación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades materialízase a través da convocatoria anual de subvencións á organización de mostras de artes escénicas, que neste exercicio mobiliza 200.000 euros. Culturactiva, organizadora do Festaclown, é unha das 13 beneficiarias que se reparten neste 2022 os fondos destas axudas.
 
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta nova edición do festival xunto ao seu coordinador, Nacho Fungueiriño, e aos representantes municipais. O acto contou, así mesmo, coa actuación  de Con Eles e Clámide.
 
Na súa intervención, Sutil felicitou a organización pola súa decidida aposta por procurar a implicación do público a través dunha carteleira ao servizo do humor, así como polo compromiso social que atravesa cada ano a súa programación e que neste 2022 porá o foco especialmente nas mensaxes contra a guerra.    
 
Escaparate do circo galego
A estes dous trazos propios que definen a esencia do Festaclown, o representante da Xunta engadiulle o seu labor como “escaparate da nosa produción de circo”, xa que o seu cartel ofrece unha escolma representativa das formacións galegas especializadas nesta disciplina artística. Estes tres piares, nos que se sustenta a programación, fan do Festaclown un exemplo dos eventos aos que contribúe o Goberno galego dentro da súa liña de apoio a festivais escénicos de carácter profesional considerados estratéxicos, tanto na súa contorna coma no seu ámbito creativo.
 
Un ano máis, Festaclown converterá Vilagarcía de Arousa nunha gran carpa para recibir artistas e compañías galegas tan destacadas como Desastronauts, Fran Boza, Troula ou Dani García e grandes nomes a nivel nacional e internacional como Cía Vaya, Entre Nous, Rojo Telón, Trotamundos, Kanbahiotaou Javier Ariza.
 
O espectáculo inaugural celebrarase o mércores 17 de agosto ás 11,00 h. na praza de Galicia, da man de Pallasos en Rebeldía, Desastronauts e Clámide coa colaboración especial do Centro de Atención Integral Princesa Leticia Amencer. Ese será o inicio oficial dun festival que contará cunha actuación previa para quecer motores. Celebrarase o sábado 13 ás 21,00 h. na praza da II República e consistirá nun espectáculo conxunto organizado por Culturactiva xunto á Banda Municipal de Vilagarcía de Arousa baixo o título Desconcerto
 
Gala solidaria
Un dos pratos fortes deste ano será a Gala Solidaria que correrá a cargo de Pallasos en Rebeldía e que se celebrará o domingo 21 como colofón da programación. Neste evento manifestarase o compromiso pacifista de Festaclown, que este ano inclúe diferentes espectáculos con mensaxes contra a guerra. É o caso de pezas como Sen Guerras, que a compañía Clámide ofrecerá xunto a Asociación Con Eles o venres 19; SMILE, espectáculo da formación asturiana De Carmela que se verá tamén o venres, ou Contos pola paz, actuación de Anxo Moure prevista para o sábado 20.
 
O festival desenvolverá, ademais, unha nova edición do Certame Festaclown, que converterá o público no xurado deste premio que recoñecerá o mellor espectáculo. O galardón concédese a través das votacións nas que poderán participar as persoas de todas as idades que asistan ás funcións. 

-Festaclown