A m˙sica galega prepara o seu desembarco no Womex de Lisboa co apoio da Xunta

  O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiu á cantautora Sheila Patricia con motivo da súa selección dentro do programa oficial da 28ª Worldwide Music Expo na capital portuguesa, onde viaxará coa colaboración do Goberno galego

  Unha ducia de empresas integrarán a delegación comercial galega neste multitudinario encontro internacional que se desenvolverá do 19 ao 23 de outubro

A m˙sica galega prepara o seu desembarco no Womex de Lisboa co apoio da Xunta
[23/08/2022]
A música galega terá unha destacada presenza na 28ª edición de Womex, a Worldwide Music Expo, que se celebrará en Lisboa do 19 ao 23 de outubro. Como nas entregas anteriores, a Xunta contribuirá á difusión das nosas empresas e artistas neste multitudinario encontro internacional, desta volta a través do apoio á ducia de promotoras acreditadas e da colaboración con Sheila Patricia para o concerto que ofrecerá na capital lusa dentro do programa oficial da feira.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiu a cantautora redondelá para abordar esta participación e felicitala pola súa selección por parte do xurado internacional para actuar no Lusofónica Stage, escenario que acolleu ás Tanxugueiras na edición celebrada o ano pasado no Porto. Participaron tamén neste encontro sobre Womex Marcos Gendre, do selo Esquío; Rómulo Sanjurjo, de Jau, e Pilar Portela, coordinadora do departamento de Música e Danza da Axencia.
 
Sheila Patricia viaxará a Lisboa con Orixe, o seu primeiro LP e tamén o seu proxecto máis ambicioso e persoal, no que aposta polas súas raíces musicais con tinguras de vangarda e mesmo ritmos de world music, confirmándose como unha das voces máis prometedoras do actual panorama musical galego.
 
Ao tempo, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a preparar as accións coas que reforzará a presenza das promotoras galegas neste encontro itinerante, considerado o maior acontecemento internacional para a difusión da música de raíz de todo o mundo e que en 2022 regresa a Portugal por segundo ano consecutivo.
 
Ademais, a Xunta contribúe economicamente á presenza das empresas galegas nesta e noutras feiras internacionais do sector a través das subvencións ás actividades de distribución nas industrias culturais. A convocatoria deste ano, resolta no mes de xullo, supuxo a adxudicación de 460.000 euros a 50 empresas para levar a cabo máis de 500 actuacións musicais e escénicas en 16 países e participar en 19 mercados profesionais.