A Xunta activa un novo fondo de 1,3 millóns de euros en axudas para impulsar a innovación e a competitividade da industria cultural galega

  O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras destas subvencións para a adquisición de equipamentoción por parte de empresas privadas e traballadores autónomos do sector, que poderán solicitalas ata o 25 de outubro

  Concederanse ata 100.000 euros por proxecto para a compra de equipamentos, de activos como maquinaria, pantallas, cámaras ou servizos de software, así como para obras de acondicionamento cara á súa instalación

  A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xestiona este programa como unha das medidas transversais do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural

A Xunta activa un novo fondo de 1,3 millóns de euros en axudas para impulsar a innovación e a competitividade da industria cultural galega
[28/08/2022]
O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar as bases dunha nova liña de subvencións ao abeiro do Hub Audiovisual da Industria Cultural, a través da que a Xunta destina 1,3 millóns de euros a fomentar a innovación e a competitividade da industria cultural galega mediante a adquisición de equipamento por parte de empresas privadas e de traballadores autónomos. O seu prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 25 de outubro.

A convocatoria prevé a concesión de ata 100.000 euros por cada proposta subvencionada para a compra de activos vinculados á actividade principal do solicitante como maquinaria, pantallas, cámaras, licenzas informáticas ou servizos de software destinados ao proceso produtivo, así como para a adecuación dos espazos físicos cara á instalación dos devanditos equipos. A intensidade da axuda poderá alcanzar o 80% do gasto subvencionable dos proxectos de inversión beneficiarios, que deberán ter un orzamento mínimo de 25.000 euros en cada caso.
 
Poderán optar a estas subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, tanto persoas físicas (autónomas) como empresas privadas que desenvolvan a súa actividade principal de xeito habitual en Galicia. O radio de acción esténdese á meirande parte dos ámbitos culturais, coa excepción das salas de cine, de artes escénicas ou de música, que xa contan con liñas especificas de axudas neste mesmo sentido.
 
Investimento de case 4M€ na modernización do sector
De feito, os obxectivos que a Xunta persegue con esta nova medida do seu Hub entroncan cosdoutras convocatorias tamén xestionadas este ano pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para impulsar a modernización e xestión sustentable dos espazos e as empresas culturais, sumando un investimento conxunto de 3,85 millóns de euros.
 
Así, a nova dotación de 1,3 millóns de euros engádese aos 1,2 millóns de eurosdos Fondos Next Generation da UE que a Xunta adxudicou o pasado mes de maio para a mellora de 46 teatros, auditorios e salas de toda a Comunidade, 26 deles privados e 20 de titularidade pública. Con cargo a este mesmo programa, en xuño abriuse a convocatoria das subvencións a espazos privados de exhibición cinematográfica, con preto de 850.000 euros  para cofinanciar proxectos relacionados coa innovación, o funcionamento dixitalizado e sustentable,  a captación e fidelización de públicos e a adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual.
Ademais, a primeiros deste mesmo mes publicouse a adxudicación de 500.000 euros a 45 concello galegos a través da liña de subvencións a entidades locais para o equipamento e a mellora das instalacións utilizadas para a realización de actividades culturais.

Dixitalización e eficiencia enerxética
Este conxunto de axudas supón unha importante inxección económica para o sector cultural galego na súa reactivación tras as restricións sanitarias da pandemia, que implicaron tamén unha aceleración nos cambios de consumo cultural a nivel mundial. En todas estas convocatorias, estase a poñer tamén especial atención no fomento da competitividade a través da actualización tecnolóxica, facendo fincapé no apoio á dixitalización, innovación, xeración de novos públicos e incremento da eficiencia enerxética e da sustentabilidade ambiental.
 
Ao tempo, a nova liña para a adquisición de inmobilizado afonda nas prioridades das iniciativas postas en marcha pola Xunta ao abeiro do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural, programa a través do que a industria cultural galega é destinataria de 9,6 millóns de euros no período 2021-2023. Estes investimentos estanse a executar través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

-Máis información