O Camiño Escena Norte volve a percorrer Galicia co apoio da Xunta para unha cuarta edición que medra en número de sedes e compañías

  O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación desta iniciativa de intercambio cultural con Asturias, Cantabria, País Vasco e, por primeira vez este ano, Navarra

  A parte galega da programación desenvolverase do 10 setembro ao 9 de outubro en Santiago de Compostela, Arzúa, Lugo, Ames, Vilalba, Viveiro e Carballo cos espectáculos de oito formacións artísticas do resto de comunidades implicadas

  As galegas Marta Alonso Tejada, Fran Sieira Compañía de Danza e Pistacatro presentarán as súas montaxes fóra de Galicia, mentres que ButacaZero, Kirenia Danza e Olivas Negras participan nas residencias ‘Cruzamentos’

O Camiño Escena Norte volve a percorrer Galicia co apoio da Xunta para unha cuarta edición que medra en número de sedes e compañías
[31/08/2022]
A praza do Obradoiro de Santiago de Compostela foi hoxe o escenario da presentación da cuarta edición de Camiño Escena Norte, iniciativa de intercambio cultural entre as comunidades polas que discorre a ruta xacobea do Camiño do Norte, que este ano se expande a 38 sedes de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e, por primeira vez, Navarra, coa participación de 15 compañías de teatro, danza e novo circo. A Xunta repite como principal entidade colaboradora no percorrido galego desta programación, que do 10 de setembro ao 9 de outubro presentará oito espectáculos do resto das comunidades participantes en Santiago de Compostela, Arzúa, Lugo, Ames, Vilaba, Viveiro e Carballo.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, incidiu na posta en valor da diversidade cultural e lingüística que exemplifica Camiño Escena Norte desde os seus inicios, dando conta das peculiaridades das artes escénicas de cada un dos territorios implicados e apostando por unha ampla variedade de formatos e tendencias.
 
Así o expuxo o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades durante a súa participación neste acto, no que tamén interviñeron Santiago Cortegoso, presidente de Escena Galega, promotora deste programa conxuntamente coas asociacións de empresas escénicas das outras comunidades; e Diego Vázquez Meizoso, coordinador do proxecto e xerente da devandita asociación, ademais dos representantes dos gobernos de Asturias, Cantabria e Navarra, da Deputación Foral de Biscaia, do resto das entidades colaboradoras e patrocinadoras e das tres formacións artísticas galegas seleccionadas nesta cuarta edición. Entre elas, Fran Sieira Compañía de Danza, que ofreceu un fragmento do seu espectáculo DeMente.
 
Figuran tamén na carteleira xeral do IV Camiño Escena Norte as montaxes Bailar agora, de Marta Alonso Tejada, e Sonámbulo, de Pistacatro. As tres compañías actuarán, entre outras localizacións, en Oviedo, Bilbao, Santander, Eibar, Vitoria, Laredo e Viana.
 
‘Medran os sorrisos’ como lema
Baixo o lema Medran os sorrisos, a edición de 2022 preséntase como a meirande das celebradas ata o momento en canto a actividades, compañías en xira e espazos, aos que se incorporan por vez primeira escenarios de Navarra e da provincia de Araba. Como sinalou Sutil, o compromiso de todas as entidades públicas e privadas implicadas fixo posible o despegue e a consolidación deste proxecto ata “se converter nun programa integral de difusión das artes escénicas”, que non só amplía e diversifica a oferta cultural das localidades polas que discorre, senón que dinamiza a circulación exterior das compañías e, xa que logo, está a contribuír á reactivación do sector.
 
De feito, o eixo principal de Camiño Escena Norte é a programación de espectáculos denominada Itinerario Constelacións, que en Galicia presentará oito espectáculos doutras tantas compañías asturianas, cántabras, vascas e navarras, ademais de diferentes actividades de contacto directo entre artistas e público ao finalizar as funcións.
 
A primeira destas citas será o 10 de setembro na compostelá praza da Quintana con La Banda Teatro Circo (Navarra) e a peza Kimera. O día 29 a Capela da Madalena, en Arzúa, será o escenario da proposta infantil La niña de las trenzas al revés, de El Callejón del Gato (Asturias). Pola súa banda,o Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo acollerá o 29 de setembro a Erre Produkzioak (País Vasco) con Fake (trampantojo), mentres que o día 2 de outubro Escena Miriñaque chegará desde Cantabria para presentar Del otro lado.
 
O groso da programación galega desenvolverase xa na seguinte semana. Así, os días 7 e 8 de outubro, o espectáculo Mímesis, de Zig Zag Danza (Asturias), exhibirase en Ames e Vilalba, respectivamente, mentres que o sábado 8 poderanse ver tamén El Enjambre, da vasca Vaivén Producciones, en Viveiro, e La caja flotante, do navarro Ion Iraizoz, en Carballo no marco da programación do Festival Internacional Outono de Teatro.
 
Fin de percorrido na Cidade da Cultura
Finalmente, a Cidade da Cultura de Galicia acollerá o 9 de outubro o peche deste cuarto Camiño Escena Norte co espectáculo para público familiar El secreto de Julio Verne, de Fantastique Company (Asturias).
 
Como nas edicións anteriores, canda o Itinerario Constelacións convive o programa Camiño Expandido, que abrangue toda a actividade alén do circuíto de funcións. O crecemento desta cuarta edición reflíctese tamén no reforzo das residencias artísticas Cruzamentos, nas que están a participar as compañías galegas ButacaZero, Kirenia Danza e Olivas Negras, así como no aumento dos profesionais inscritos no encontro Habitación Peregrina PRO de Lugo ou na estrea da iniciativa ESADS no Camiño, un programa de colaboración coas Escolas Superiores de Arte Dramático (ESAD) de Galicia e Asturias e a de Arte Dramático e Danza de Euskadi, Dantzerti.