A Xunta participa na presentaciˇn do Festival Revenidas 2022 que terß lugar a vindeira semana en Vilaxoßn no marco dos Concertos do Xacobeo

  A directora de Turismo, Nava Castro, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron hoxe na rolda de presentación do encontro

  Este festival, enmarcado dentro dos Concertos do Xacobeo, inclúe a personalidades do panorama musical galego, nacional e internacional

  Os Concertos do Xacobeo deron comezo en maio e foron sumando novas incorporacións ata acadar xa máis de 500 artistas en máis de 70 localidades galegas

A Xunta participa na presentaciˇn do Festival Revenidas 2022 que terß lugar a vindeira semana en Vilaxoßn no marco dos Concertos do Xacobeo
[01/09/2022]
A directora de Turismo, Nava Castro, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron hoxe na rolda de presentación do Festival Revenidas 2022 que terá lugar en Vilaxoán dende o mércores 7 ao domingo 11 de setembro. Esta edición, o festival mesturará novamente a música xunto a distintas actividades gastronómicas, entre as que destaca a súa tradicional sardiñada, e actividades interdisciplinarias, todas elas ligadas ao territorio e á cultura mariñeira da zona e as Rías Baixas.
Na súa intervención, Nava Castro destacou a importancia da sinerxía entre administracións para a celebración deste Xacobeo, onde se conseguiu que “este Ano Santo e todas as celebracións ao seu arredor, acaden o éxito internacional e sexan un elemento tractor e dinamizador do sector cultural e turístico, elevando a Galicia como un dos destinos máis relevantes no eido cultural”.

O cartel desta edición inclúe a personalidades do panorama galego, nacional e internacional, con artistas como Baiuca, SFDK, Zoo, Laura Lamontagne & Picoamperio, Tanxugueiras, O Adhesivo, SonDaRúa ou A Banda dá Loba. Todo o exposto dá como resultado que as bandas confirmadas para este festival compoñan un cartel heteroxéneo, combinándose a mestura de electrónica e música tradicional galega que levou a Baiuca a converterse nun dos nomes máis destacados da escena musical española de 2021; a festiva e delirante fusión de hip- hop, reggae, e folclore de Bosnia que propón Dubioza Kolektiv; a presenza dunha das grandes referencias do rap español, con máis de 25 anos de traxectoria, como son SFDK ou desenfado en clave de electropop de Ladilla Rusa.

Neste senso, Nava Castro destacou a importancia do festival que, enmarcado dentro dos Concertos do Xacobeo, “encarnan que a cultura e as festividades que percorren todo o territorio neste Ano Santo, cunha oferta sen parangón para todos os públicos”.

Os Concertos do Xacobeo é unha iniciativa da Xunta dentro das actividades do Xacobeo, que entre os meses de maio e novembro deste ano, mantén unha programación de música en vivo con máis de 100 acontecementos por toda Galicia. Neste programa de concertos participan máis de 500 bandas e artistas nacionais e internacionais de todos os estilos, para todas as idades e para todos os gustos.

O evento de Vilaxoán volve contar, ademais, co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades como unhas das 21 citas subvencionadas en 2022 a través da convocatoria anual de axudas a festivais de música considerados estratéxicos para o sector.