Fernández-Tapias destaca a oferta cultural da Sala Ártika de Vigo até final de ano con 50 funcións de 23 compañías de artes escénicas

  A delegada territorial da Xunta en Vigo participou na presentación da programación deste recinto polo que pasarán compañías galegas como Chévere, A Pandaría ou Tanxarina

Fernández-Tapias destaca a oferta cultural da Sala Ártika de Vigo até final de ano con 50 funcións de 23 compañías de artes escénicas
[13/09/2022]
A Sala Ártika ofreceralle ao público vigués até final de ano 50 funcións a cargo de 23 compañías diferentes, tanto de procedencia galega coma do exterior. O recinto situado na rúa Beiramar da cidade olívica incluirá, ademais, actuacións enmarcadas en tres festivais e ciclos diferentes: o III Comediátriko, o XX Circuíto da Rede Alternativa de Teatros e o VIII Festival Pequeártiko de Nadal. Para desenvolver a súa carteleira, o espazo conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP Universidades a través das axudas a salas de artes escénicas de titularidade privada, liña de subvencións ás que a Xunta destina 150.000 euros neste 2022.
A delegada territorial da Xunte de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias,, participou esta mañá na presentación do programa da Sala Ártika xunto ao seu director, Marcos Alonso Costas, e representantes doutras institucións patrocinadoras. Fernández-Tapias puxo en valor “tanto o esforzo coma o labor” desenvolvida polo equipo da Sala Ártika para brindarlle ao público vigués unha oferta “completa e pensada para as diferentes franxas de idades” e “diversa en canto aos xéneros escénicos”.  

 A representante autonómica salientou a “encomiable traballo” que asumen cada ano recintos como a Sala Ártika e a Sala Ensalle en Vigo ou a Sala Gurugú e o Teatro Andamio na Coruña —os catro escenarios de titularidade privada apoiados na convocatoria de axudas da Xunta neste 2022— ao complementar dende “o imprescindible emprendemento cultural” coas súas carteleiras a oferta escénica que as distintas institucións promoven cada ano.
 
 12 obras familiares e unha estrea 
A programación de setembro a decembro da Sala Ártika arrincará este sábado coa obrafamiliar Por las buenas y por las malas, da formación cántabra Escena Miriñaque. Precisamente, este tipo de espectadores centrará unha parte importante da carteleira do recinto vigués, que ofrecerá 12 espectáculos destinados a todas as idades. Entre eles, destacan pezas de compañías galegas como Pedras de Cartón, que representarán a súa visión de Don Quixote, ou Tanxarina, que levará a Vigo a adaptación do clásico de Carlos Casares A Galiña Azul. Ambas as dúas obras veranse en decembro, mes que acaparará durante o nadal 10 das montaxes destinadas á cartivada.
 Así, os zaragozanos de Teatro Arbolé actuarán tamén en decembro co seu espectáculo Un día en el Teatro. A proposta dos aragoneses e a de Tanxarina non serán as únicas do xénero dos monicreques, xa que La Compañía de Victor Brau —coa súa montaxe El hombre que plantaba árboles—, os galegos de Migallas Teatro —con Os Tres Porquiños—e os tamén aragoneses Títeres sin cabeza -coa súa obra Mi Amigo el dragón- tamén visitarán a Sala Ártika.
 
No apartado para o público adulto, destaca a dupla incursión no mes do outro do Grupo Chévere, que representarán dúas obras interpretadas por Patricia de Lorenzo, Arantza Villar e Mónica García: As fillas bravas de Momán e As fillas bravas e o mito de Casandra. A Panadaría, entre o 21 e o 30 dese mesmo mes, ofrecerán seis funcións da súa nova produción, As que limpan, mentres que o artista estremeño Francis J. Quirós estreará Cucko In Love na Ártika o o venres 23, dentro do marco do III Comediartiko.

19 actuacións no Auditorio de Vigo
A Xunta de Galicia, ademais de apoiar a Sala Ártika coa súa programación, contribúe coa oferta escénica de Vigo a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios ao promover até final de ano 19 actuacións no seu Auditorio Municipal. Así, este recinto da cidade olívica recibirá no mes de outubro montaxes como Ultreia, do Mago Teto (domingo 2) ou Hugo, de Os Náufragos Teatro (domingo 30). Xa en novembro, acollerá compañías como De Ste Xeito, que representará o 4 e 5 A resurrección de Nuno, ou Ainé Produccións, que fará o propio os días 11 e 12 coa súa coprodución do Centro Dramático Galego Continente María.   

O Auditorio Municipal de Vigo, con estas 19 representacións, é o espazo con maior número de funcións neste semestre dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculo xestionado pola Xunta e cofinanciado coas entidades locais adheridas.

SALA ÁRTIKA