A película escollida para a reapertura é ‘Tres’, de Juanjo Giménez con produción de Frida Films, que inclúe unha escena rodada nesa mesma sala

A Filmoteca de Galicia abre ao público tras finalizar as obras financiadas pola Xunta para renovar a sala e a cabina de proxección

  Os directores de Cultura e de Industrias Culturais visitaron hoxe na Coruña a sede do centro audiovisual, á que poderán volver os espectadores desde o martes 27 en varias xornadas de portas aberta

  A intervención integral supuxo un investimento de 138.000 euros para modernizar a cabina de proxección e substituír butacas e demais mobiliario

  A programación e todos os servizos da cinemateca dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades retómanse cunha carteleira bimestral cos ciclos habituais e moitos outros títulos do cine galego e internacional

A Filmoteca de Galicia abre ao público tras finalizar as obras financiadas pola Xunta para renovar a sala e a cabina de proxección
[23/09/2022]
A Filmoteca de Galicia reabre as portas da súa sala de cine José Sellier o vindeiro martes 27, tras concluír as obras de renovación financiadas pola Xunta e que supuxeron unha intervención integral por valor de 138.000 euros, entre a execución do proxecto licitado e a adquisición adicional de equipamentos. A sede do centro audiovisual dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades experimentou unha reforma completa do espazo de exhibición, que incluíu traballos de modernización na cabina de proxección, na súa dotación tecnolóxica e de substitución de butacas e demais mobiliario.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, comprobaron hoxe na Coruña o resultado das obras de mellora, nunha visita na que tamén participaron técnicos do equipo responsable da actuación levada a cabo.
 
Máis amplitude e comodidade
Así, na cabina elimináronse os distintos niveis de altura, unha intervención que lle brinda ao persoal máis visibilidade dende o exterior e maior amplitude de movementos para poder operar cos distintos proxectores: o dixital, 35 mm e 16 mm.
 
No patio, a renovación financiada pola Xunta permitiu cambiar o teito, as paredes e o chan, así como os asentos. A distribución actual de 89 butacas favorece a circulación e mais a accesibilidade do público. Os espectadores gañan así en comodidade, mobilidade e seguridade nunha estancia que modernizou tamén a súa estética e na que resaltan aínda máis as columnas e o arco de pedra característicos da estancia.
Situada na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, a Filmoteca de Galicia mantén xa os seus servizos operativos e retoma agora a súa intensa carteleira de proxeccións, función que sustenta xunto ao labor arquivístico, á conservación do noso patrimonio audiovisual, á difusión da creación cinematográfica e á posta en valor da produción galega a actividade desta institución dende a súa fundación en 1991.
 
Sesión inaugural
A sesión inaugural celebrarase o martes 27 ás 20,00 h., cunha dupla sesión. Proxectarase primeiro como gran protagonista Tres, fita de Juanjo Giménez do ano 2021, producida pola galega Frida Films e premiada como mellor película nos Mestre Mateo 2022. Protagonizada por Marta Nieto no papel dunha sonidista, foi escollida por ser a derradeira produción cinematográfica que se rodou na sala antes da reforma integral. Tras o seu pase, exhibirase a O moderno Sherlock Holmes, película de Buster Keaton de 1924.
 
A unión destes dous filmes responde á particularidade de que a escena inicial gravada na Filmoteca da Galicia por Giménez incluía a proxección de varios fotogramas do clásico de Buster Keaton que trata, precisamente, sobre un proxeccionista. Así, ambas películas conforman un díptico audiovisual que, acompañado pola presentación presencial na Coruña do propio director e da produtora Luisa Romeo, servirá para reencontrarse cos espectadores dun xeito moi especial.
 
A Filmoteca de Galicia estenderá a celebración deste retorno do público ás próximas semanas cun período de portas abertas, durante o que todas as proxeccións serán de acceso gratuíto.  Ademais das seccións habituais, entre os ciclos que se ofrecerán ata finais de outubro están os titulados Ars Sonora, con títulos que dalgún xeito abordan o mundo do sonido, e A casa do cinema, que sitúa no foco as filmotecas e o seu traballo a prol da recuperación e difusión cinematográfica.