O Festival Galicreques acolle a estrea en Galicia do espectáculo 'Tolo', coprodución galego-turca coa participación da Xunta

  O Centro Dramático Galego e o Teatro Municipal de Maltepe, en Istambul, promoveron a unión da compañía galega Cinema Sticado e a turca Tíyatro Eksen no marco do seu traballo conxunto como parte da Eurasia Theater Association

  Kubilay Erdelikara dirixe esta adaptación do texto de Nicolái Gogol, que acaba de ser recoñecida co premio do xurado no Festival Internacional de Teatro de Maltepe

  Poderá verse no Teatro Principal de Santiago este domingo dentro da programación do certame compostelán, unha das 13 mostras de artes escénicas subvencionadas este ano pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades

O Festival Galicreques acolle a estrea en Galicia do espectáculo 'Tolo', coprodución galego-turca coa participación da Xunta
[13/10/2022]
O espectáculo galego-turco Tolo chega esta fin de semana a Galicia tras a súa recente estrea no Festival Internacional de Teatro de Maltepe, en Istambul, onde acaba de ser recoñecido co premio especial do xurado. O Centro Dramático Galego e o Teatro Municipal de Maltepe coproducen esta montaxe da compañía galega Cinema Sticado e a turca Tíyatro Eksen, que poderá verse no Teatro Principal de Santiago de Compostela o domingo 16, ás 20,00 h., dentro da programación do Festival Internacional Galicreques.

Como parte do seu traballo conxunto no seo da Eurasia Theater Association, integrada por unha vintena de espazos e institucións teatrais de ambos os continentes, o Centro Dramático Galego e o Teatro Municipal de Maltepe promoveron a unión de Cinema Sticado e Tíyatro Eksen para investigar arredor da obra Diario de un loco, de Nicolái Gogol, narrador, poeta e dramaturgo de orixe ucraíno do século XIX.
 
O director e actor turco Kubilay Erdelikara asina a adaptación e dirección do espectáculo resultante, que el mesmo interpreta acompañado en escena polos integrantes do colectivo galego Cinema Sticado, Xosel Díez e Helena Varela, encargados de manipular un dispositivo visual formado por monicreques, obxectos, cámaras e vídeos.
 
Temática de actualidade
Así, Tolo xunta teatro de actor e de monicreques para crear un mundo absurdo, en clave de humor, que aborda un tema cada vez máis vixente: as ansias de recoñecemento social e os seus efectos sobre a saúde mental. Na obra de Gogol, un funcionario de última fila do goberno ucraíno vive o seu día a día entre a rutina dun traballo insignificante e os seus desexos de chegar a máis. A súa frustración vai derivando progresivamente en alucinacións ata rematar créndose o Rei de España.
 
A estrea galega de Tolo insírese na carteleira da 27ª edición do Festival Internacional Galicreques, que se celebra en diferentes espazos de Santiago desde o pasado día 8 e ata este domingo, aínda que a súa programación escolar se estenderá ata o día 19. A Xunta de Galicia colabora tamén na organización do certame como unha das 13 citas subvencionadas este ano a través da convocatoria específica para mostras profesionais de artes escénicas, á que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destinou unha dotación global de 200.000 euros.
 
Galicreques consolídase en 2022 como un dos principais festivais de monicreques de Galicia e afianza a súa dimensión internacional coa participación de 26 compañías procedentes de oito países. Ademais de recuperar a súa programación escolar a niveis previos á pandemia, incorpora como novidade a sección Cara Bé, que busca rachar coa idea preconcibida de que os monicreques son só para público infantil e dentro da que se programa a representación de Tolo.
 
-Festival Galicreques