O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na presentación da película na Filmoteca de Galicia, onde o premiado creador coruñés será obxecto dunha retrospectiva

Chega aos cinemas 'Unicorn Wars', a nova longa de animacin de Alberto Vzquez producida co apoio da Xunta

  A Coruña acolle esta tarde a preestrea do filme, que acaba de exhibirse con moi boas críticas no Festival de Sitges e que poderá verse nas salas comerciais a partir do 21 de outubro

  A compañía galega Abano Producións contou cunha subvención de preto de 260.000 euros para levar a cabo esta coprodución xunto á vasca Uniko Estudio Creativo e as francesas Autour de Minuit e Schmuby

Chega aos cinemas 'Unicorn Wars', a nova longa de animacin de Alberto Vzquez producida co apoio da Xunta
[13/10/2022]
Unicorn Wars, a agardada nova longametraxe de animación do cineasta e debuxante Alberto Vázquez, terá a súa preestrea ás 20,00 h. desta tarde nos Cantones Cines da Coruña como antesala da súa chegada ao circuíto comercial o vindeiro 21 de outubro. Ademais, este mediodía tivo lugar o pase e a presentación aos medios do filme na sede da Filmoteca de Galicia, onde o realizador coruñés será obxecto dunha retrospectiva os días 14 e 18 de outubro.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou neste encontro cos xornalistas en representación da Xunta de Galicia, que subvenciona a película cunha achega de preto de 260.000 euros a través da convocatoria de axudas para producións e coproducións audiovisuais de 2020. Neste caso, a adxudicataria foi a compañía galega Abano Producións para levar a cabo esta coprodución internacional xunto coa vasca Uniko Estudio Creativo e as francesas Autour de Minuit e Schmuby.

Confianza no proxecto desde as orixes
Sutil lembrou que a Xunta vén acompañando e confiando neste proxecto desde “practicamente o momento mesmo da súa idea”, como demostra o feito de que en 2016 un guión asinado por Alberto Vázquez, xermolo desta película, obtivera xa unha primeira axuda na convocatoria de promoción do talento audiovisual.

Neste sentido, incidiu na relevancia do soporte da Administración pública a “toda esta dinámica tan laboriosa pola que un título chega finalmente aos cines”, prestando apoio a que é unha actividade estratéxica para as industrias culturais, de efecto tractor sobre outros eidos económicos, e “posibilitando que o enorme talento creativo galego se atope cos espectadores para o goce de toda a cidadanía”.

Excelente acollida en Sitges
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades aproveitou para felicitar persoalmente a Alberto Vázquez e ao resto do equipo polas excelentes críticas que está a recibir o seu traballo tras a estrea da pasada fin de semana no Festival Internacional de Cine Fantástico de Sitges, onde compite nas seccións oficial e Anima’t. “A mellor película de animación do ano” ou “a máis sorprendente” de todas as fitas a concurso en Sitges son algúns dos cualificativos que lle outorga a prensa especializada á película, que tivo a súa estrea internacional o pasado mes de xuño no Festival Internacional de Cine de Animación de Annecy, en Francia, onde tamén contou co apoio da Xunta para a súa promoción.

Con Unicorn Wars, o creador coruñés consolídase como un dos grandes nomes da animación española e internacional, despois dos éxitos obtidos con Psiconautas, los niños olvidados, filme co que gañou o Goya á mellor longametraxe de animación, e coas súas aclamadas curtas Birdboy e Decorado −premios Goya á mellor curta de animación en 2012 e 2017, respectivamente− ou Homeless Home, esta última galardoada hai dous anos en Annecy co premio especial do xurado. No certame francés estivo tamén en 2021 para participar no Feature Work in Progress cun avance da longa que se preestrea esta tarde na Coruña e que, xa entón, espertou unha gran expectación.

Dúas sesións especiais na Filmoteca
Como sinalou Sutil, coincidindo coa chegada aos cinemas do seu último filme, Alberto Vázquez protagonizará dúas sesións especiais na recentemente remodelada sala José Sellier da Filmoteca de Galicia, coas proxeccións de Psiconautas, coa presenza do seu director, mañá ás 20,30 h., e das devanditas tres curtametraxes o día 18, ás 18,00 h.

A trama de Unicorn Wars preséntase como unha fábula antibélica, que leva a unha nova dimensión o prolongado enfrontamento entre as coñecidas personaxes de Alberto Vázquez, os Osos de Peluche e os Unicornios, no universo de fantasía que xa se avanzaba en Decorado. Desta volta, dous irmáns −un entrañable e outro desalmado− forman parte dun rexemento de osiños enviados a unha perigosa misión na fronte para salvar o Bosque Máxico.