O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación do encontro que se desenvolverá ata mediados de decembro no campus de Pontevedra

A serie 'Rapa' protagoniza o arranque da 12¬ ediciˇn da Master Class do Audiovisual Galego AuGAL, organizada pola Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo

  A produción de Portocabo para Movistar Plus+, subvencionada polo Hub Audiovisual galego, centrará as tres primeiras sesións deste curso, dedicado a afondar nos procesos creativos e técnicos de obras audiovisuais con selo galego

  O programa inclúe tamén xornadas sobre o documental Welcome to ma maison, a longa de terror Jacinto, a serie Operación Marea Negra e as curtametraxes do alumnado de Ciencias Sociais e da Comunicación

A serie 'Rapa' protagoniza o arranque da 12¬ ediciˇn da Master Class do Audiovisual Galego AuGAL, organizada pola Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo
[17/10/2022]
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou este mediodía en Pontevedra na presentación da 12ª edición de AuGAL, Master Class do Audiovisual Galego, que dá comezo mañá na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación coa primeira das tres sesións que se lle dedicará á serie Rapa. A Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo volven colaborar na organización desta iniciativa formativa, dirixida tanto a estudantes como a profesionais do sector para afondar nos procesos creativos e técnicos do cinema e a televisión, co foco posto na máis recente produción galega.
 
Desta volta, seis das sete sesións programadas xirarán arredor de títulos que contaron con subvención da Xunta a través de diferentes convocatorias dirixidas ao audiovisual galego. É o caso da primeira e da segunda temporada de Rapa, un dos proxectos impulsados polo fondo de rodaxes do Hub Audiovisual, así como do documental Welcome to ma maison, a longa de terror Jacinto e a miniserie Operación Marea Negra.
 
Reflexo dun sector en auxe
Así o destacou na súa intervención o director xeral de Cultura, quen participou no acto xunto a Eva Lantarón, vicerreitora do campus de Pontevedra; Emma Torres, decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e Paulino Pérez, coordinador de AuGAL. Lorenzo puxo os devanditos traballos como exemplo do intenso ano que está a vivir o noso audiovisual coa estrea dun importante número de títulos, que ademais acolleron nos seus equipos a novos profesionais formados nas escolas e facultades galegas, como a de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra.
 
Segundo subliñou o director xeral, a este gran momento da produción galega está a contribuír a Xunta na súa aposta por unha industria audiovisual cun alto nivel competitivo a nivel global e por impulsar a imaxe de Galicia como escenario óptimo para acoller todo tipo de filmacións. Con tal fin, o programa anual de subvencións ao sector que mantén a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades viuse reforzado no trienio 2021-2023 coas diferentes medidas postas en marcha a través do Hub Audiovisual da Industria Cultural, como o devandito fondo para a captación de rodaxes.
 
Sete sesións ata decembro
A 12ª edición de AuGAL, para a que xa está aberto o prazo de matrícula, arrancará mañá mesmo co relatorio de Pepe Coira e Alfonso Blanco “Fosco” arredor de Rapa, da que son guionista e produtor executivo, respectivamente. A serie de Portocabo para Movistar Plus+, que está a rodar a súa segunda temporada en Ferrol, será obxecto doutras dúas sesións o 24 de outubro, coa participación do director Jorge Coira e dos compositores Xavi Font e Elba Fernández, e o 15 de novembro co sonidista Diego Staub e o responsable da posprodución, Alfonso Merino.
 
O xénero documental será abordado nesta 12ª master class o 22 de novembro da man do equipo de Welcome to ma maison, de Gaitafilms, coas intervencións de Andrés Goteira, o seu director, e dos produtores Laura Doval e Suso López. Á semana seguinte, será a quenda doutra serie de televisión, Operación Marea Negra, producida por Prime Video con Ficción Producciones, que centrará a sesión do 28 de novembro coas intervencións de Mamen Quintas e Toni Veiga, produtores executivos.
 
Xa en decembro, a longametraxe de terror Jacinto, que acaba de chegar ás salas de cinema, será proxectada o día 12 e presentada polo seu director e guionista, Javi Camino, mentres que a xornada de clausura do día 14 dedicaráselles ás curtametraxes realizadas polo alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación no curso 2021-2022.
 
Como nas edicións anteriores, as sesións estruturaranse arredor da proxección dos devanditos traballos, presentados e explicados polos seus responsables. Todas elas desenvolveranse en horario de tarde, de 16,00 a 20,00 h.

-Máis información