A cidade da Coruña será a sede de Womex 2023 nunha nova edición galega do evento co apoio da Xunta

A cidade da Coruña será a sede de Womex 2023 nunha nova edición galega do evento co apoio da Xunta
[17/10/2022]
A 29ª edición de Womex (World Music Expo), o encontro de música folk e de raíz máis importante do circuíto internacional, terá lugar do 25 ao 29 de outubro de 2023 na cidade da Coruña. Así se anunciou hoxe no Concello herculino, nun acto no que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, para deixar testemuño do apoio económico da Xunta a unha nova celebración do evento na nosa Comunidade.

Será a terceira ocasión na que este encontro que inclúe unha ampla zona feiral e de networking, concertos en formato showcase, conferencias e proxeccións audiovisuais teña lugar en Galicia, despois de que Santiago de Compostela o acollera en 2014 e 2016.  De feito, a colaboración da Xunta con Womex forma parte da súa política de proxección exterior para a música galega, estratexia que continuará esta mesma semana en Lisboa, onde a partir do mércores arranca Womex 2022 coa participación de doce empresas galegas representando a unha trintena de artistas e que poderán operar no expositor específico baixo a marca común GalicianTunes.
 
-Womex