O audiovisual galego leva a cabo ata seis rodaxes simultáneas este outono con financiamento da Xunta

  O venres rematou na Coruña a filmación de ‘Un pasado por delante’, primeira longametraxe de Olga Osorio, mentres que continúan as das segundas temporadas de ‘Rapa’ en Ferrol e ‘Los enviados’ en varias localizacións da provincia de Pontevedra e de Santiago

  Coincidiron desde setembro coa gravación en Galicia da película ‘O corno’, da serie ‘Argonautas’ e da segunda entrega de ‘Operación Marea Negra’

  Estas seis producións suman máis de 1,8M€ en axudas do Goberno galego a través da convocatoria anual para producións e coproducións de cine e televisión e do fondo extraordinario para atracción de rodaxes do Hub Audiovisual

O audiovisual galego leva a cabo ata seis rodaxes simultáneas este outono con financiamento da Xunta
[23/10/2022]
O equipo de Un pasado por delante, produción de Vaca Films que supón o debut de Olga Osorio na dirección de longametraxes, celebrou antonte o remate da súa filmación na Coruña como parte do que está a ser un intenso outono de rodaxes para a industria audiovisual galega. Ata seis producións de cinema e de televisión coincidiron na súa gravación en Galicia, para o que contan con financiamento da Xunta tanto a través da convocatoria anual de axudas para producións e coproducións audiovisuais como do fondo extraordinario para a captación de rodaxes posto en marcha ao abeiro do Hub Audiovisual da Industria Cultural.

Así, a película na que Vaca Films aposta polo cine familiar de calidade cunha emotiva historia de ciencia-ficción e aventuras, protagonizada por Tamar Novas e Marta Nieto, filmouse nestas últimas semanas ao tempo que O corno, a segunda longa de Jaione Camborda, que concluíu tamén nestes días o seu período de gravación. A contorna natural da Illa de Arousa e a fronteira portuguesa na zona do Rosal foron o escenario desta coprodución internacional, encabezada polas galegas Esnatu Zinema e Miramemira xunto a Elastica Films, produtora de Alcarràs, e ambientada na Galicia rural dos anos setenta.
 
Segundas temporadas en marcha
Mentres, proseguen os traballos en diferentes localizacións galegas das segundas temporadas de dúas series con participación da produtora Portocabo: Rapa, de Movistar Plus +, en Ferrol, e Los enviados, de Paramount+, en varios puntos da provincia de Pontevedra e en Santiago de Compostela.
 
A industria audiovisual galega simultaneou desde setembro estas catro rodaxes con outras dúas que tamén contan co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Trátase da segunda temporada de Operación Marea Negra, de Ficción Producciones para Prime Video, e da proposta infantil Los Argonautas, de Portocabo para a canle Clan de RTVE. No primeiro dos títulos, a ría de Arousa e o concello de Santiago acolleron gran parte dos sets de gravación dos cinco episodios cos que se lle dá continuidade á miniserie estreada en xaneiro sobre o caso real do primeiro narcosubmarino interceptado en Europa. Pola súa banda, o equipo de Los Argonautas estivo traballando na Costa da Morte e na Coruña para lle dar forma á historia dun grupo de cinco amigos que vivirá un verán diferente envoltos nunha grande aventura.
 
Recuperación do sector e retorno
Estes seis títulos suman un investimento de máis de 1,8 millóns de euros por parte da Xunta, que contribúe deste xeito a impulsar a recuperación e consolidación do sector, ao tempo que a xerar un importante retorno económico nas contornas nas que se levan a cabo estas rodaxes e á proxección exterior da imaxe de Galicia e da calidade da nosa industria audiovisual.
 
No caso das películas Un pasado por delante e O corno, a achega do Goberno galego materializouse a partir das convocatorias anuais de subvencións a producións e coproducións audiovisuais, a través das que este ano se adxudicaron 2,5 millóns de euros para producir 14 novas propostas para cinema e televisión.
 
Pola súa banda, as catro series rodadas esta temporada en Galicia forman parte dos proxectos impulsados mediante o fondo de 4 millóns de euros destinado á captación de rodaxes como unha das medidas postas en marcha no marco do Hub Audiovisual galego. Con este programa, a Xunta aposta polo audiovisual como motor da industria cultural galega, que é a destinataria de 9,6 millóns de euros no período 2021-2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE.
 
Estas seis producións reflicten, ademais, da revitalización e da capacidade do noso sector audiovisual, que conta con outros importantes títulos xa en proceso de postprodución tras a súa filmación en diferentes momentos do que vai de ano. Entre eles, varias producións tamén realizadas con financiación autonómica, como as longas Amigos hasta la muerte, Honeymoon e 13 exorcismos, ou a serie Hasta el cielo.

Imaxe: Rodaxe de Un pasado por delante, por Esteban de la Iglesia.