Novas
O 'Desfoga' de Cambados súmase na súa terceira edición aos festivais escénicos subvencionados pola Xunta

[25/10/2022]
A Xunta de Galicia apoia a Asociación Compañía de Teatro Caracol no desenvolvemento ata finais de mes en Cambados da terceira edición do Festival Desfoga, que este ano se incorporou á listaxe de mostras escénicas subvencionadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través da convocatoria que en 2022 distribuíu 200.000 euros entre 13 citas organizadas de xeito profesional.O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do evento, que emprega as artes vivas para poñer o foco na comunidade LGTBIQA+ e lles dar visibilidade a estes colectivos e aos problemas aos que se enfrontan. Dirixido por Begoña Cuquejo e Matías Daporta, a súa programación intensifícase do 27 ao 29 de outubro con espectáculos como o cabaret Panorama, de Pere Fauna, e Circografía travesti, de Victoria Sickness, concertos como os de Artemisa e O Rabelo, un podcast ao vivo con Tola Eu, Nuria Vil e Artemisa, e unha conferencia performativa con Andrea Quintana e Gena Baamonde, entre outras actividades.