O espectáculo dirixido por Tito Asorey represéntase no Pazo da Cultura carballés o vindeiro luns cunha función inclusiva tras a súa estadía no Salón Teatro de Santiago, onde ofreceu 21 funcións que c

O CDG e AIN clausuran o FIOT de Carballo no inicio da xira de 'Recortes, caneos e outras formas de driblar' por unha decena de escenarios

  Ourense, Vigo, Narón, Pontevedra, Cangas, Burela, Lugo, Vilagarcía de Arousa, A Coruña e Ferrol son os próximos destinos deste percorrido, que se estenderá ata primeiros de febreiro de 2023

  Xosé A. Touriñán, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta interpretan a montaxe sobre a cara oculta do fútbol., a partir dun libro aínda inédito de Nacho Carretero con dramaturxia de José L. Prieto

O CDG e AIN clausuran o FIOT de Carballo no inicio da xira de 'Recortes, caneos e outras formas de driblar' por unha decena de escenarios
[29/10/2022]
Recortes, caneos e outras formas de driblar, o espectáculo do Centro Dramático Galego e Ainé sobre a cara oculta do mundo do fútbol, atoparase o vindeiro luns 31 co público de Carballo na función de peche do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). A representación, que contará co sistema inclusivo de linguaxe de signos e audiodescrición posto en práctica pola compañía pública, será ás 21,00 h. no Pazo da Cultura carballés e con ela arrancará a xira galega que inicialmente levará esta produción por 11 escenarios ata febreiro de 2023.

Así, tras a súa estadía de case un mes no Salón Teatro de Santiago e da clausura do FIOT, o equipo de Recortes, caneos e outras formas de driblar porá rumbo cara a Ourense (Auditorio Municipal, 4 e 5 de novembro), Vigo (Teatro Afundación, do 11 ao 13 de novembro), Narón (Pazo da Cultura, 25 e 26 de novembro), Pontevedra (Auditorio Sede Afundación, 10 e 11 de decembro), Cangas (Auditorio Municipal, 23 de decembro), Burela (Auditorio da Casa da Cultura, 7 e 8 de xaneiro), Lugo (Auditorio Gustavo Freire, 13 e 14 de xaneiro), Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, 20 e 21 de xaneiro), A Coruña (Teatro Colón, do 26 ao 28 de xaneiro) e Ferrol (Auditorio, 3 e 4 de febreiro). As entradas para a meirande parte das funcións da xira están xa están dispoñibles nas canles de venda habituais de cada espazo.
 
Éxito en Santiago
O espectáculo colgou o cartel de entradas esgotadas a pasada fin de semana nas últimas das 21 funcións que ofreceu no Salón Teatro, sede da compañía da Xunta de Galicia, onde foi estreado o 29 de setembro. Máis de 4500 espectadores ocuparon desde ese día o patio de butacas para asistir á montaxe dirixida por Tito Asorey, que ampliou o número de representacións previsto inicialmente diante da boa resposta por parte do público.
 
Asorey púxose á fronte dun elenco integrado por Xosé A. Touriñán, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta para levar a escena unha visión lúdica e crítica sobre o fútbol profesional. A proposta escénica xurdiu a partir dun libro aínda inédito do xornalista Nacho Carretero, con dramaturxia de José L. Prieto.
 
O equipo artístico complétase con Vadim Yukhnevich ao cargo das composicións musicais, José Faro Coti asinando a escenografía, Laura Iturralde como responsable da iluminación e mais dos audiovisuais, Laura Baena á fronte do vestiario e Sara Rey na axudantía da dirección.
 
Ao tempo que avanza a xira de Recortes, caneos e outras formas de driblar, o Centro Dramático Galego ultima a produción dos seus seguintes espectáculos: Shakespeare en Roma, con catro pezas e os seus correspondentes equipos de dirección, que poderá verse a partir de primeiros de febreiro, e Un hotel de primeira sobre o río, que levará ás táboas o texto de Xohana Torres, codirixido por Gonçalo Guerreiro e María Torres, e chegará aos escenarios xa en primavera. A previsión é realizar máis dun centenar de funcións entre todas as producións da temporada, cun modelo de distribución diferente para cada unha delas para chegar á maior cantidade de público posible e de crear novas audiencias.

- Máis sobre o espectáculo
- Mercar entradas