Chega a 289 cines o filme '13 Exorcismos', rodado en Ourense como proxecto do Hub Audiovisual da Xunta

  O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asistiu esta tarde á première desta longametraxe da produtora galega Bambú, xunto a Atresmedia Cine e Mr Fields & Friends, que se estrea mañá en salas de toda España

  A fita contou cunha achega de 350.000 euros a través do fondo para a atracción de rodaxes, mediante o que o Goberno autonómico está a contribuír á filmación na nosa Comunidade de 10 películas e series

  As subvencións a esta decena de títulos implican un compromiso de gasto en Galicia de máis de 25M, cunha estimación de retorno económico directo e indirecto superior aos 33M

Chega a 289 cines o filme '13 Exorcismos', rodado en Ourense como proxecto do Hub Audiovisual da Xunta
[04/11/2022]
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asistiu esta tarde no Teatro Principal de Ourense á première da película de terror 13 Exorcismos, rodada integramente en Galicia co apoio da Xunta e que se estrea mañá venres en 289 salas comerciais de toda España. A cidade das Burgas concentrou a meirande parte das localizacións desta longametraxe, encabezada pola compañía Bambú Producciones xunto con Atresmedia Cine e Mr Fields & Friends, que obtivo unha subvención de 350.000 euros da Xunta a través da primeira convocatoria do fondo para a atracción de rodaxes do Hub Audiovisual.

O conselleiro felicitou a Bambú e o resto do equipo por este traballo, sobre o que se amosou convencido de que “seguirá a estela das grandes fitas deste xénero, que tanto aportou ao cinema recente”. A súa preestrea ourensá contou tamén coas intervencións do realizador coruñés Jacobo Martínez, director da fita, e de Ramón Campos, produtor executivo xunto a Teresa Fernández-Valdés e Sara Gonzalo.
 
Asistiron, así mesmo, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e os intérpretes María Romanillos, Ruth Díaz, Urko Olazabal, Pablo Revuelta, Silma López, Alícia Falcó e Uri Guitart, en representación do elenco que lle dá vida a esta historia inspirada no último caso de exorcismo documentado en España  e na que tamén participaron nomes tan coñecidos como os de José Sacristán ou a galega Cristina Castaño.
 
Efecto multiplicador do investimento público
Como explicou o conselleiro, 13 Exorcismos é unha das 10 producións de cinema e televisión que teñen Galicia como escenario co apoio das axudas para a captación de rodaxes, desenvolvidas en dúas convocatorias e que dan conta do efecto multiplicador do investimento público no sector audiovisual. Deste xeito, os máis de 3,2 millóns de euros cos que a Xunta cofinancia esta decena de filmacións implican un compromiso mínimo de gasto na nosa Comunidade por parte das produtoras subvencionadas superior aos 25 millóns de euros. Ademais, o seu retorno económico directo e indirecto estímase en máis de 33 millóns de euros, segundo os datos que se poden extrapolar dunha investigación encargada ex profeso á Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela.
 
Neste sentido, Román Rodríguez puxo este filme e a produtora Bambú como exemplo da “relevancia que o audiovisual ten para Galicia en termos industriais, laborais e económicos”, ademais de como parte da identidade e da cultura de Galicia. En concreto, o impacto económico da gravación de 13 Exorcismos en Ourense calcúlase nuns 2,3 millóns de euros a partir dun gasto duns 1,75 millóns.
 
Publicada a segunda quenda de adxudicacións
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publicou hoxe mesmo a segunda quenda de adxudicacións deste fondo de rodaxes do Hub, de xeito que ademais do devandito filme, apoianse as produtoras Portocabo para a primeira e a segunda temporada de Rapa (Movistar Plus+), a segunda de Los enviados (Paramount+) e a serie infantil Los Argonautas (RTVE); Ficción Producciones para a segunda entrega de Operación Marea Negra (Prime Video), e Vaca TV para Hasta el cielo (Netflix), así como as longametraxes Amigos hasta la muerte, de Undodez y Medio Limón; Tratamos demasiado bien a las mujeres, presentada por Ficción, e Arderéis en el infierno, de Arderéis Movie AIE.
 
O Hub Audiovisual da Industria Cultural está a supoñer un programa de apoio sen precedentes para o sector a través de diferentes medidas co obxectivo de “reforzar e potenciar as producións audiovisuais galegas e garantir que os profesionais contan coas ferramentas suficientes para asegurar a súa competitividade e o desenvolvemento da calidade”, indicou o conselleiro. Para este fin, cóntase cun investimento de 9,6 millóns de euros ata 2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.