O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visitou as instalacións nas que se desenvolverá esta iniciativa para dotar o espazo dunha nova identidade cultural e visual

Román Rodríguez enmarca o novo proxecto cultural da estación de Vedra nos obxectivos de revitalización do rural que impulsa a Xunta con 'Territorio Cultura'

  É unha das 14 propostas adxudicatarias da primeira convocatoria do fondo a través do que o Goberno galego investirá 1,25M€ na ampliación e diversificación da oferta cultural en zonas non urbanas

  As instalacións do antigo apeadeiro de Santa Cruz de Ribadulla acollerán un ciclo de cinco festivais entre os meses de novembro e marzo, ademais dun laboratorio de ideas e dun estudio de radio e ‘podcasting’

Román Rodríguez enmarca o novo proxecto cultural da estación de Vedra nos obxectivos de revitalización do rural que impulsa a Xunta con 'Territorio Cultura'
[07/11/2022]
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe en Vedra as instalacións da antiga estación de tren de Santa Cruz de Ribadulla con motivo da presentación do novo proxecto A estación cultural, apoiado pola Xunta a través do programa Territorio Cultura para ampliar e diversificar a oferta cultural no rural. En concreto, a proposta do Concello vedrés é unha das 14 primeiras adxudicatarias deste fondo, que conta cunha dotación de 1,25 millóns de euros para impulsar iniciativas tanto públicas como privadas encamiñadas á dinamización de zonas non urbanas.

Román Rodríguez e o alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, avanzaron as principais accións arredor das que se articula A estación cultural no transcurso dun acto ao que tamén asistiu o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, ademais dunha representación de agrupacións e asociacións culturais da zona e dos artistas que participarán nesta programación, como Sheila Patricia ou Os da Porfía.
 
Novo axente dinamizador
O titular de Cultura e Educación do Goberno galego destacou a aposta do Concello de Vedra por afianzar o papel da cultura como vehículo de dinamización social e económica, ademais de catalizadora da participación cidadá. “Vedra conta a partir de agora cun espazo de creación, produción e proxección chamado a representar un pulo extra para o tecido cultural local e a actuar como un novo axente para potenciar a oferta cultural do municipio e asentar as súas empresas”, sinalou o conselleiro, quen enmarcou esta liña de traballo nos obxectivos que a Xunta persegue co desenvolvemento de Territorio Cultura.
 
Román Rodríguez lembrou que o Consello da Xunta aprobou a semana pasada a segunda convocatoria deste fondo cunha nova achega de 660.986 euros, que sumados á dotación da primeira fase xa resolta en setembro, supoñen unha contía total de preto de 1.256.000 euros para este programa, inserido á súa vez no plan para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas que contempla o Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU.
 
“Seguimos así contribuíndo a ampliar a actividade cultural no rural galego e a subliñar a importancia da cultura como motor de cambio, dinamización e transformación social”, engadiu. A través da primeira convocatoria de Territorio Cultura, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a cofinanciar 14 propostas cunha ampla variedade de iniciativas de creación, investigación, difusión e formación en cinema, música, artes escénicas, literatura ou artes plásticas, entre outros ámbitos, que se levan a cabo en diferentes núcleos rurais de preto de 40 municipios.
 
Lugar de referencia para a comarca
En referencia ao novo proxecto do Concello de Vedra, que dotará dunha nova identidade cultural e visual o espazo da antiga estación, destacou o feito de que se apoie na innovación, a inclusión e a diversidade creativa na procura de se converter nun lugar de referencia non só para a veciñanza do municipio, senón tamén para toda a comarca.
 
A estación culturalten como prioridades o incremento da actividade neste ámbito, a posta en marcha de procesos que afonden nos vínculos sociais, o desenvolvemento das capacidades do sector cultural vedrés e a estimulación da participación cidadá. Con estes fins, o proxecto estrutúrase en tres eixos: un ciclo de festivais, un laboratorio de ideas e un estudio de radio e podcasting.
 
Concertos na nave
A nave da estación acollerá entre novembro e marzo cinco festivais de temáticas diferentes, pero transversais en canto ao obxectivo de divulgar e xerar pertenza co espazo. Baixo o título de Cultura na nave, o ciclo dará comezo os días 19 e 20 deste mes cos concertos de Sheila Patricia e de diferentes corais da zona, así como cunha exposición, unha ruta patrimonial e un programa de radio sobre a memoria colectiva vedresa.
 
Xa en decembro, os días 3 e 4 organizarase unha serie de actividades no marco da Feira de Artesanía, entre as que destacan as actuacións de Porembela, Os da Porfía, A Requinta da Laxeira ou o Mago Noel.
 
O conselleiro visitou tamén o vagón que albergará o estudio de radio e podcasting coa dobre función de xerar contidos propios e de acoller obradoiros de formación neste ámbito, así como a Casa da Estación onde se sitúa o laboratorio de ideas e innovación cultural. A través del, abordarase a colaboración directa entre o sector empresarial, asociativo e institucional mediante o deseño e seguimento posterior de proxectos encamiñados a xerar un impacto socioeconómico no concello e a impulsar o talento cultural.