Novas
O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, deulles a benvida aos participantes no encontro co que arranca hoxe a 15ª edición da feira no Pazo da Cultura de Pontevedra
Poténciase a vertente de negocio cultural cun primeiro día de actividade reservado ao intercambio entre os axentes do sector a través de xuntanzas personalizadas, ‘networking’ e presentacións
O Goberno galego repite como principal entidade patrocinadora do evento, ao que lle achega ademais preto dunha trintena de citas entre talleres, relatorios, concertos e representacións escénicas
A Xunta e as asociacións empresariais de escena e de música reúnen máis de 70 profesionais galegos e portugueses na xornada de apertura de Culturgal



[24/11/2022]
Culturgal iniciou hoxe no Pazo da Cultura de Pontevedra o seu programa de actividades, que este ano se estende durante catro días para reservar o primeiro deles aos axentes do sector arredor da Xornada profesional de promoción escénica e musical de Galicia. Os colectivos Escena Galega e Asociación Galega de Empresas Musicais organizan este primeiro encontro da 15ª edición da feira, para o que contan co apoio da Xunta de Galicia.O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na apertura da xornada, que reúne máis de 20 responsables de programación de municipios, teatros e festivais de Galicia e do norte de Portugal con medio centenar de representantes de compañías escénicas, grupos de música, empresas promotoras e distribuidoras integrantes das asociacións organizadoras.
Fomento da contratación de espectáculos
Sutil destacou a evolución de Culturgal cara a esta dimensión máis profesional na procura de incentivar o negocio cultural, “un compoñente crucial que ten que ter esta feira como socia prioritaria”. Neste sentido, celebrou que en 2022 se engada un día máis á programación para recibir os profesionais que inciden directamente na contratación dos espectáculos de artes escénicas e musicais que se producen en Galicia.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades subliñou igualmente a suma de esforzos por parte da Xunta e das dúas asociacións galegas de empresas de artes escénicas e de música para o desenvolvemento desta iniciativa, así como a participación de axentes chegados desde Portugal. “A nosa difusión cultural cara á outra beira do Miño é un destino natural que temos que valorar e coidar desde ambos os lados da fronteira”, engadiu.
Esta xornada profesional estenderase ata ás 18,30 h. arredor de accións de networking, presentacións, coloquios e roldas de negocio a modo de reunións personalizadas, enfocándose prioritariamente aos programadores dos espazos asociados á Rede Galega de Teatros e Auditorios, sen deixar de lado o resto das programacións que acollen os escenarios representados nesta xornada profesional. Ademais, este primeiro día de actividade acollerá a xuntanza da comisión artística do devandito circuíto de espectáculos, que a Xunta promove canda a unhas 40 entidades locais de toda Galicia.
Culturgal abrirase a todo o público a partir de mañá venres e despregará ata o domingo unha ampla oferta de actividades, á que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades contribúe coa organización directa de preto dunha trintena de citas. Haberá talleres, presentacións, concertos e representacións escénicas, que terán lugar tanto no stand da Xunta como no resto dos espazos da feira.
-Culturgal