O Plan Integral para a Danza de Galicia concreta en 35 medidas o desenvolvemento estratéxico do sector

  A Xunta publica o documento resultante dun proceso aberto e participativo para definir unha folla de ruta cara á introdución de melloras substanciais que favorezan a produción, distribución, profesionalización e visibilidade da danza

  Defínese un cronograma de seguimento e avaliación do plan, que inclúe a organización esta primavera dun foro de profesionais e espazos de exhibición, así como un avance dos seus primeiros resultados no mes de setembro

  Intégrase á súa vez no Plan Xeración Cultura 2023 posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades cun investimento global de 34 M€

O Plan Integral para a Danza de Galicia concreta en 35 medidas o desenvolvemento estratéxico do sector
[31/03/2023]
A Xunta publica hoxe o seu Plan Integral para a Danza de Galicia como documento resultante dun proceso aberto e participativo co sector no que se definen 35 medidas concretas, estruturadas en catro liñas e 17 obxectivos estratéxicos para un maior e mellor desenvolvemento nos ámbitos da exhibición e distribución, creación e produción, profesionalización e formación, e visibilidade e creación de públicos.

A identificación destes eixos e obxectivos preséntase como unha folla de ruta para o deseño nos vindeiros anos de accións conxuntas e consensuadas entre as administracións públicas e o sector da danza co fin de aumentar a súa presenza e proxección social e potenciar un maior dinamismo e solidez do seu tecido profesional e empresarial. Trátase, ademais, dunha proposta que se revisará periodicamente nunha clara vontade de renovación e flexibilidade que permita adecuar os seus obxectivos á realidade cultural galega, nun contexto cambiante e complexo a nivel socioeconómico, tecnolóxico e de hábitos de consumo, entre outros aspectos.

O Plan Integral para a Danza de Galicia incorpórase, á súa vez, no Plan Xeración Cultura 2023 que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades acaba de poñer en marcha cun investimento de 34M€ para levar a cabo unha batería de 57 accións. O obxectivo é continuar co crecemento do sector cultural e prepararse para afrontar novos retos, como o desenvolvemento de dúas novas leis no eido da dixitalización e accesibilidade e doutros cinco plans sectoriais, ademais do da danza.

Fases e metodoloxía
Ademais de relacionar as liñas, obxectivos, medidas e desenvolvemento do plan a partir dun cronograma inicial, o documento publicado hoxe na web da Axencia Galega das Industrias Culturais detalla a metodoloxía e as diferentes fases do proceso participativo e transparente cara á súa redacción. O traballo conxunto deu comezo a finais de 2019 e, tras o parón obrigado pola pandemia, retomouse en 2021 coa apertura dunha consulta pública a través da que se recibiron 31 achegas, recollidas como anexo ao documento final. Ao tempo deu comezo o traballo conxunto dunha trintena de persoas en representación da Xunta de Galicia, compañías e empresas produtoras e distribuidoras, espazos de exhibición, escolas de danza, festivais ou danza tradicional, entre outros ámbitos. Ademais dun grupo de coordinación, constituíronse seis mesas para o desevolvemento deste proceso ata xuño de 2022 e a súa posterior redacción, que permitiu ofrecer un avance o 25 de novembro no marco da celebración da feira Culturgal en Pontevedra.

Accións, axentes e seguimento
O Plan Integral para a Danza de Galicia componse de catro eixes ou liñas estratéxicas fundamentais, 17 obxectivos estratéxicos e 35 medidas diferentes, clasificadas segunda a súa prioridade alta, media ou baixa, nas que se detallan as accións propostas, os axentes implicados, os indicadores de execución e outras medidas relacionadas. Dótase así o documento de capacidade suficiente para ir configurando un proxecto de melloras substanciais para o sector nun período amplo de tempo.
 
A primeira destas liñas diríxese ao impulso da exhibición e distribución da danza e das artes do movemento, con cinco obxectivos marco e  nove medidas encamiñadas a dinamizar, potenciar e ampliar o campo de actuación das administracións e entidades encargadas da programación, a distribución e a exhibición en Galicia, con especial atención ao territorio galego menos densamente poboado, pero tamén coa ollada posta na proxección exterior.
 
O fortalecemento da creación e da produción centra o segundo dos eixos, que engloba outros cinco obxectivos e oito medidas. Neste caso, faise fincapé no fomento do talento emerxente, a creatividade, as novas e diversas expresións artísticas e as novas formas de xerar cultura a partir da interrelación co patrimonio material e inmaterial de Galicia, así como o papel do Centro Coreográfico Galego nestes procesos.
 
A terceira liña estratéxica dedícase ao fomento da profesionalización e da formación, propoñendo seis medidas arredor de tres obxectivos. Con este fin buscarase impulsar a actividade formativa do Centro Coreográfico, así como dotar o sector e, en concreto, á danza tradicional galega de ferramentas para mellorar a súa situación profesional e promover accións para xerar novos públicos no ámbito formativo.
 
Creación de públicos
Por último, o eixo número catro propón catro obxectivos e oito iniciativas para xerar novos públicos e aumentar a visibilidade e difusión da danza e das artes do movemento a partir dos medios de comunicación, chegando a toda a sociedade e mellorando as accións de inclusión e a mediación destes novos públicos heteroxéneos. Inclúese, ademais, a reactivación da campaña de declaración do baile tradicional galego como Ben de Interese Cultural.
 
Próximas accións
En canto ao desenvolvemento do Plan a partir da súa publicación, o propio texto establece a creación dunha comisión de seguimento, que xa está a traballar de xeito intenso. A partir dun primeiro informe sobre a situación actual do sector e o punto de partida, organizará ademais unha serie de grupos de traballo para a posta en marcha das diferentes medidas e a avaliación do cumprimento dos obxectivos, así como para a proposta de melloras.
 
Encargarase, así mesmo, de levar a cabo un foro de profesionais e espazos de exhibición, que ten prevista a súa celebración o vindeiro mes de marzo, así como de presentar en setembro un primeiro avance de resultados do Plan para a Danza de Galicia.
 
-Plan Integral para a Danza de Galicia