Cinco concellos rurais do Camiño acollen as aulas intexeracionais do proxecto teatral '5x5' dentro do programa da Xunta 'Territorio Cultura'

  O conselleiro Román Rodríguez recibe os promotores e representantes municipais implicados nesta iniciativa de formación e creación escénica, que se desenvolve ata finais de marzo en Allariz, Lalín, Mazaricos, Silleda e Vedra

  Atópase entre as 14 primeiras propostas subvencionadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través deste fondo de 1,3 M€ para ampliar e diversificar a oferta cultural en zonas non urbanas

Cinco concellos rurais do Camiño acollen as aulas intexeracionais do proxecto teatral '5x5' dentro do programa da Xunta 'Territorio Cultura'
[14/02/2023]
O programa Territorio Cultura da Xunta de Galicia avanza na materialización da súa primeira quenda de propostas subvencionadas baixo o obxectivo común de contribuír á dinamización cultural do rural galego. Nesta liña, estase a desenvolver o proxecto 5x5 de formación e creación teatral a través de cinco aulas interxeracionais coa participación de preto de 80 persoas noutros tantos concellos do Camiño de Santiago: Allariz, Lalín, Mazaricos, Silleda e Vedra.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, recibiu hoxe na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, os representantes do novo estudo de produción artística Fósforo Arte & Cultura, promotores do proxecto, e dos concellos e asociacións culturais implicadas, que participaron nesta presentación xunto ao director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.

O responsable de Industrias Culturais da Xunta explicou na súa intervención que 5x5 é unha das 14 propostas subvencionadas ao abeiro da primeira das dúas convocatorias do fondo Territorio Cultura, que suman un investimento de preto de 1,3 millóns de euros entre os anos 2022 e 2023 para ampliar e diversificar a oferta cultural en zonas non urbanas.

Incidencia en 40 municipios
Así, a primeira quenda de adxudicacións deste programa está a ter unha incidencia directa en numerosos núcleos de 40 municipios de toda Galicia, nos que se desprega unha ampla variedade de accións de creación, investigación, difusión e formación en artes escénicas, música, cinema, literatura ou artes plásticas, entre outros ámbitos.

É o caso de 4x4, que en palabras de Sutil exemplifica, ademais, a colaboración entre a iniciativa privada e as administracións públicas para o “desenvolvemento de proxectos conxuntos que non só reforzan a oferta cultural do rural, senón tamén o tecido profesional do sector”.

De 12 a 89 anos
A proposta que se presentou hoxe na Cidade da Cultura arrancou o pasado mes de outubro co traballo formativo desenvolvido polas directoras e actrices Iria Azevedo xunto ás aulas de teatro de Allariz e Lalín, Arantza Villar coa de Mazaricos e Clara Gayo coas de Bandeira (Silleda) e Vedra. Neste proceso están a participar arredor de 80 persoas con idades comprendidas entre os 12 e os 89 anos e con realidades e condicións sociais moi diversas, que en todos os casos viven a experiencia de subir por vez primeira a un escenario.

Xa en xaneiro, comezou a produción dos espectáculos resultantes, que poderán verse nunha mostra itinerante polos cinco concellos con 15 representacións entre o 24 de febreiro e o 26 de marzo. Como actividade complementaria, cada aula creará un mapa emocional do seu concello, que estará dispoñible nunha web propia unha vez rematada a xira das montaxes.

O Camiño é o punto de partida común dos cinco espectáculos, que levan por título O roce fai rozaduras, pola Aula Municipal de Teatro de Allariz; Casa rural con encanto, pola de Lalín; Serán, pola de Mazaricos; Enredos, pola de Bandeira, e Camiños e carreiros, pola de Vedra. Para a súa posta en escena, cóntase co apoio dun equipo de profesionais do teatro galego. Así, ademais de Iria Azevedo, Arantza Villar e Clara Gayo na dramaturxia e dirección, están a participar Olalla Tesouro no deseño do espazo escénico e vestiario, David Rodríguez na iluminación, José Díaz no espazo sonoro, Vicente Conde na rexiduría, Olaia Tubío na comunicación e Carmen Velayos na edición de vídeo.

5x5 é, ademais, a iniciativa co que se dá a coñecer Fósforo Arte & Cultura, un estudo de produción artística que nace en Santiago baixo a dirección de José Díaz, fundador e integrante da recoñecida compañía Voadora durante os seus 15 anos de traxectoria, coa intención de promover proxectos culturais cun compoñente social ou educativo.

Segunda convocatoria
Galicia foi a primeira comunidade autónoma en poñer en marcha o programa Territorio Cultura a través da súa propia liña de subvencións dentro do plan para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas que contempla o Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU. Nestes momentos, atópase en prazo de resolución a segunda quenda de adxudicacións ao abeiro desta iniciativa e de acordo coas bases que foron publicadas a finais de novembro.