A Xunta impulsa o festival 'Mil primaveras' en Mondoñedo, arredor da figura e obra de Cunqueiro, como parte do programa 'Territorio Cultura'

  O sábado 11 de marzo ofrecerá unha vintena de propostas que inclúen un mercado, tren turístico, gastronomía, música, teatro, poesía e cine, entre outras actividades

 A Xunta impulsa o festival 'Mil primaveras' en Mondoñedo, arredor da figura e obra de Cunqueiro, como parte do programa 'Territorio Cultura'
[27/02/2023]
A Xunta de Galicia impulsa a posta en marcha do festival Mil primaveras, unha proposta arredor do universo creativo e o escenario vital do escritor Álvaro Cunqueiro, que se celebrará o sábado 11 de marzo en Mondoñedo. Trátase, ademais, dunha das 14 iniciativas subvencionadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través do programa Territorio Cultura para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas.

A presentación tivo lugar hoxe na Delegación Territorial de Lugo e contou coa participación do delegado territorial, Javier Arias; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a xefa do Servizo de Coordinación Cultural de Lugo, Ana Mel; o concelleiro de Cultura de Mondoñedo, Alberto García; e Irene Sineiro e Xosé Aldea en representación de Ouvirmos.

A través do fondo Territorio Cultura, a Xunta destinará preto de 1,3 millóns de euros entre os anos 2022 e 2023 para a dinamización cultural do rural galego. Entre as entidades subvencionadas figura a empresa Ouvirmos, especializada na creación de produtos innovadores en materia cultural, que obtivo 50.000 euros para a organización deste evento.

Os representantes da Xunta subliñaron a orixinalidade e a variedade de actos propostos, así como a participación de numerosos creadores galegos difundindo o seu traballo e a implicación da veciñanza e as asociacións locais.

O programa recolle máis dunha vintena de actividades, que inclúen gastronomía, música, teatro, cine ou poesía e rematarán cun concerto de Amancio Prada cantando a Cunqueiro na Catedral. Desde as 11,00 h. haberá un mercado na praza da Catedral, onde tamén terá saída o “tren fantástico” que percorrerá a vila e será gratuíto para as persoas que acudan caracterizadas dalgún dos personaxes do autor.

Ao respecto, os organizadores invitan a asistir caracterizado de calquera elemento que forme parte da narrativa do escritor para converter a cita nun auténtico festival de “fantasía cunqueiriana”. Ademais, un grupo de veciños e veciñas percorrerán as rúas caracterizados como personaxes singulares da historia de Mondoñedo.

Paralelamente, durante o mes de marzo haberá varios talleres formativos en Mondoñedo e Abadín; Antía Yáñez dirixirá a escola de escritura, Paloma Lugilde a escola de teatro, e Xaime Miranda a escola do audiovisual. O 17 de marzo, o salón de actos do Casa Consistorial de Abadín acollerá a sesión motivacional “Sementeira”, sobre novos formatos culturais para alumnado de 16 a 18 anos, e o auditorio de Mondoñedo a proxección de Valentina, de Chelo Loureiro, que obtivo o Goya á mellor película de animación no ano 2021. O día 11, no marco da xornada principal do festival, proxectarase na Casa museo Alvaro Cunqueiro de Mondoñedo The Monkey, de Xosé Zapata, Goya á mellor curtametraxe de animación 2022.

Galicia foi a primeira Comunidade autónoma en poñer en marcha o programa Territorio Cultura a través da súa propia liña de subvencións dentro do plan para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas que contempla o Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU. Nestes momentos, atópase en prazo de resolución a segunda quenda de adxudicacións ao abeiro desta iniciativa e de acordo coas bases que foron publicadas a finais de novembro.

-Festival Mil Primaveras