O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, recibiunos na Cidade da Cultura para coñecer de primeira man as características dos seus proxectos

Xunta e Fundaciˇn Paideia incorporan 12 grupos e artistas ß nova aceleradora de m˙sica 'Sonemerxente' para impulsar as s˙as carreiras

  O Goberno galego destina 240.000 euros a esta iniciativa, que arranca cunha primeira fase de aceleración dedicada á consultaría e mentorización para continuar coa promoción dos traballos resultantes e a participación en mercados profesionais

  Esta ducia de propostas dá conta do amplo abano de estilos e tendencias da actual escena musical galega, ao tempo que reflicte o dinamismo feminino no sector con sete proxectos liderados por mulleres

  Adrian Timms, Anahí, Babykatze, Helena Egea, Hydn, Law, Lora, Moito!, Mondra, Paraíso Canto, Samudra Trio e Zeltia Irevire conforman esta selección

Xunta e Fundaciˇn Paideia incorporan 12 grupos e artistas ß nova aceleradora de m˙sica 'Sonemerxente' para impulsar as s˙as carreiras
[08/03/2023]
A nova aceleradora de proxectos musicais Sonemerxente está a iniciar o seu traballo xunto cos 12 grupos e artistas seleccionados para participar nesta iniciativa da Xunta de Galicia, baixo a xestión da Fundación Paideia, co fin de impulsar as súas respectivas carreiras. Hoxe mesmo mantiveron unha xuntanza co conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, quen os felicitou persoalmente pola oportunidade de formar parte deste programa, dotado con 240.000 euros para poñer á súa disposición as ferramentas necesarias para lograr un salto cualitativo nas súas traxectorias, así como para facilitar o seu acceso ao mercado musical e ao financiamento.

O conselleiro gabou o talento que reúne esta escolma artística como reflexo do gran potencial da música emerxente galega e referiuse, así mesmo, aos obxectivos que persegue Sonemerxente no sentido de contribuír ao necesario proceso de vertebración sectorial encamiñados a acelerar a profesionalización e o crecemento do tecido empresarial da nosa industria musical, ademais de definir e analizar as necesidades dos artistas que dan os seus primeiros pasos neste ámbito.

Recordou que se enmarca nas accións do Plan Xeración Cultura, a folla de ruta da Xunta para acompañar e reforzar con novas iniciativas o gran momento de creación e expansión do sector cultural galego. Un dos seus cinco eixes de actuación pon o foco en medidas que impulsen a creatividade e os novos talentos.

Xunto co titular de Cultura do Goberno galego, participaron na reunión celebrada na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Guillermo Vergara, vicepresidente da Fundación Paideia; Patricia Hermida, presidenta da Asociación galega de Empresas Musicais (AGEM), e Pilar Portela, coordinadora do Departamento de Música e Danza da Axencia de Industrias Culturais, así como os responsables da meirande parte dos proxectos seleccionados: Adrian Timms, Anahí, Babykatze, Helena Egea, Hydn, Law, Lora, Moito!, Mondra, Paraíso Canto, Samudra Trio e Zeltia Irevire.

Preto de 60 solicitudes
A escolma realizada por unha comisión a partir de preto de 60 propostas recibidas dá conta do amplo abano de estilos e tendencias que conviven na actual escena musical galega, ao tempo que reflicten o dinamismo e o potencial feminino no sector a través de sete proxectos liderados por mulleres.  Así, nesta listaxe de artistas emerxentes figura a viguesa Anahí, quen compaxina as súas actuacións de rúa coa preparación do seu propio proxecto artístico; o synth pop minimalista da produtora, compositora, DJ e artista visual de orixe arxentina Babykatze; a pontevedresa Helena Egea, quen ademais de ser vocalista toca o violín, piano e guitarra en composicións propias que se moven entre o jazz, o soul, o blues e o rock; a coruñesa Hydn coa súa exploración experimental de xéneros que van desde a electrónica, rnb e pop ata o reguetón e o trap; a persoal proposta de Law, vocalista, letrista e intérprete procedente de Vigo con múltiples influencias musicais; desde Poio, a música de cámara e a experiencia multidisciplinar de Samudra Trio e o trío compostelán de folk tribal Zeltia Irevire.

Tamén foron seleccionados o cantante e multiinstrumentista con base en Vigo Adrian Timms, quen se autodefine como británico-andaluz-galego a cabalo entre o indie-pop e o folk; o dúo de música urbana Lora, de Carral; a banda da Pobra do Caramiñal Moito! co seu indie rock; o proxecto multidisciplinar de Mondra, artista de Teo, cantareiro, bailador e docente no ámbito da música tradicional galega, e o dúo Paraíso Canto, procedente da Lama e Ponte Caldelas, cun son persoal que explora novas sonoridades e músicas coa tradición oral galega como punto de partida.

Primeira sesión conxunta
A sede de Estudios Mans na Coruña acollerá o vindeiro martes 14 unha consultaría grupal coa que arranca a primeira das dúas fases arredor das que se estrutura Sonemerxente. Esta etapa, que inclúe tanto sesións individuais como conxuntas, desenvolverá diferentes accións de mentorización arredor de cada un dos 12 proxectos, co foco posto na propostas artística, produción, promoción, comercialización e modelo de negocio. Serán máis de 70 horas de actividade as que se investirán en cada un dos proxectos nestas primeira fase, da que resultará a creación e gravación dos correspondentes produtos musicais, así como a elaboración dos seus plans de negocio.

A segunda etapa dedicarase á promoción e difusión dos proxectos a través da súa participación en circuítos de concertos, festivais, encontros cos medios de comunicación e asistencia a foros e mercados profesionais, dentro e fóra de Galicia, ademais de nun evento final de presentación das propostas con actividades de networking e reunións personalizadas.

O proxecto para a posta en marcha dunha aceleradora musical é o resultado dun proceso de diálogo co sector cara ao deseño de diferentes accións de apoio ao talento musical galego. A raíz del, en novembro de 2022 abriuse unha primeira convocatoria na que se seleccionou a Fundación Paideia como entidade colaboradora na xestión deste programa, para o que se conta co financiamento dos fondos Next Generation e do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.