O audiovisual galego entrega ma os seus Premios Mestre Mateo co patrocinio da Xunta

  O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades e o presidente da Academia Galega do Audiovisual asinaron o convenio polo que o Goberno galego achega 60.000 euros para a organización desta 21ª edición dos galardóns e da súa gala

 O audiovisual galego entrega ma os seus Premios Mestre Mateo co patrocinio da Xunta
[10/03/2023]
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, asinaron hoxe na Cidade da Cultura de Galicia o convenio de colaboración mediante o que a Xunta contribúe cunha achega de 60.000 euros á organización da 21ª edición dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego, que culmina mañá coa súa gala de entrega en Ourense.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades mantén así o seu apoio ao desenvolvemento destes galardóns, dos que é unha das principais entidades patrocinadoras, como xeito de contribuír ao recoñecemento público e a unha maior proxección social do traballo dos profesionais do sector en Galicia.
 
O conselleiro e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, teñen prevista a súa asistencia ao evento que se celebrará mañá no Auditorio Municipal ourensán e no que se desvelará o nome dos profesionais e traballos gañadores entre os 101 finalistas das 26 categorías convocadas.
 
A meirande parte das fitas candidatas nas modalidades cinematográficas foron realizadas co apoio do Goberno galego a través das diferentes liñas do programa autonómico de axudas ao audiovisual galego, para o que o Consello da Xunta acaba de aprobar a próxima convocatoria de subvencións á produción e coprodución por importe de 2,5 millóns de euros. É o caso dos títulos que contan con maior número de candidaturas nesta edición dos PremioMestre Mateo: a serie Rapa con 19, as longametraxes O corpo aberto con 16 e Código Emperador con oito, e a longa de animación Unicorn Wars con seis.
 
-Premios Mestre Mateo