Novas
A Xunta renova o seu compromiso cos premios María Casares que poñen en valor o exercicio profesional e artístico galego

[27/03/2023]
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou, esta mañá, na presentación dos XXVII Premios María Casares que terán lugar, este xoves día 30 de marzo A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), organizadores do evento, volven a contar coa contribución económica da Xunta de Galicia para a convocatoria dos seus galardóns, que poñen en valor o traballo dos profesionais do teatro galego ao longo do pasado ano.
O representante do Goberno galego apuntou que “a nosa colaboración con esta iniciativa vai moito más alá de facilitar economicamente a gala, unha vez máis, teremos a oportunidade, nesa noite, de poñer en valor o exercicio profesional e artístico galego durante todo o pasado ano sobre as táboas”. “Podemos estar ben orgullosos desta ‘colleita’ do 2022, representada polos profesionais finalistas que concorren este ano aos premios” puntualizou Trenor.
Marcos Ptt (Lugo, 1977) dirixirá a gala e o guión da cerimonia estará asinado polo propio Ptt xunto a Antón Coucheiro, mentres que o elenco estará conformado por Natalia Outeiro Pajarito, Arturo Cobas, Johanna Hesse, Álvaro Fitinho, Beatriz Rubio, Ezra Moreno e o proio Ptt. A música correrá a cargo de NachoFaiaLar (trío de Nacho Muñoz, Faia Díaz e Lar Legido), o deseño tanto do vestiario coma da escenografía será de Carlos Alonso e a iluminación, de Dani Pais.
Durante a gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares terán gran protagonismo disciplinas artísticas como o circo, os monicreques ou o cabaré. A gala emitirase por streaming a través da canle de Youtube que a AAAG mantén para os Premios María Casares.
Na presentación o delegado a Xunta lembrouy que a Xunta ten xa aprobado o Plan Xeración Cultura 2023 cun investimento de 34M€. Trenor expicou que “inclúe unha batería de accións para seguir co crecemento do sector e prepararse para afrontar novos retos”. Este plané froito do empeño da Xunta por achegar a cultura a todas as persoas en todo o territorio e modernizar as estruturas empresariais e de creación. Estruturado en cinco eixes e 57 accións, permitirá desenvolver dúas novas leis no eido da dixitalización e accesibilidade e pór en marcha seis plans sectoriais.