A Xunta inviste 200.000 euros na programaciˇn escÚnica das salas ┴rtika e Ensalle de Vigo e Teatro del Andamio e Gurug˙ da Coru˝a

  A dotación desta liña de axudas aumentou un 33% respecto a 2022 co obxectivo de garantir a estabilidade no funcionamento deste tipo de espazos fronte ao aumento xeral dos custos de mantemento

  Os catro locais subvencionados integran a Rede Galega de Salas da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades

A Xunta inviste 200.000 euros na programaciˇn escÚnica das salas ┴rtika e Ensalle de Vigo e Teatro del Andamio e Gurug˙ da Coru˝a
[30/03/2023]
A Xunta de Galicia acaba de adxudicar a súa convocatoria anual de axudas a salas de artes escénicas de titularidade privada mediante a que en 2023 inviste 200.000 euros no funcionamento dos espazos vigueses Sala Ártika e Teatro Ensalle e os coruñeses Teatro del Andamio e Sala Gurugú, aos que se lles recoñece o seu papel ao servizo da difusión e da creación de públicos para o sector.

Este investimento experimenta un incremento de máis dun 33% respecto a 2023 co obxectivo de impulsar a estabilidade no desenvolvemento dunha programación de carácter profesional por parte deste tipo de espazos, ao tempo que se lle dá resposta ao aumento xeral dos custos no mantemento da súa actividade.

Os catro espazos, integrantes da Rede Galega de Salas da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, repiten por cuarto ano consecutivo como adxudicatarios destas subvencións, convocadas en réxime de concorrencia competitiva. Segundo a resolución publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, a sala Ártika (na imaxe) volveu acadar a máxima puntuación, de acordo coa que recibirá unha axuda de 75.000 euros, seguida de Teatro Ensalle cunha achega de 69.788 euros, Teatro del Andamio con 31.428 euros e Sala Gurugú con 23.784 euros.
 
Contratación de espectáculos
Estas contías serán destinadas a cubrir ata o 75% dos gastos vinculados á contratación de espectáculos, servizos técnicos e auxiliares asociados, dereitos de autor, persoal, comunicación e publicidade, ademais de ata o 20% dos custos indirectos como alugueiros, subministracións ou gastos correntes.
 
Como en anos anteriores, para a concesión das axudas creouse unha comisión de avaliación que tivo en conta criterios como a antigüidade da empresa, a capacidade do local e a súa pertenza á Rede Galega de Salas en 2022. O proxecto de programación, con aspectos como o número de funcións ou a contratación de compañías galegas, foi outra das cuestións valoradas, así como os plans de financiamento, de comunicación ou de creación de públicos.

-Máis información