O Novo Cinema Galego protagoniza unha programaciˇn especial no Bolzano Film Festival Bozen de Italia

  A 36ª edición do certame dedícalle a Galicia a súa sección Focus Europa coas proxeccións en versión orixinal galega de seis filmes de Oliver Laxe, Lois Patiño, Eloy Enciso, Diana Toucedo, Helena Girón e Samuel M. Delgado, e Xacio Baño

  O programa, que se desenvolverá do 19 ao 23 de abril, complétase cunha mesa redonda que terá lugar este venres para afondar nas características comúns e elementos diferenciais do cinema galego independente

O Novo Cinema Galego protagoniza unha programaciˇn especial no Bolzano Film Festival Bozen de Italia
[17/04/2023]
A corrente do Novo Cinema Galego será obxecto do seu primeiro foco en Italia no marco da programación do 36º Bolzano Film Festival Bozen, que conta coa colaboración da Xunta para lle conceder a Galicia o protagonismo da súa sección Focus Europa. Así, o coñecido certame desta cidade do norte de Italia ofrecerá do 19 ao 23 de abril unha programación especial de seis longametraxes que exemplifican a vertente máis independente e vangardista do audiovisual galego, ademais dunha mesa redonda que afondará nas súas características e elementos diferenciais

O feito de que a nosa Comunidade sexa a convidada deste especial dá conta, en palabras dos seus organizadores, da “importancia e potencia do cine galego actual”. Segundo o festival, desde o momento da definición do concepto de Novo Cinema Galego en 2010, as películas independentes feitas en Galicia téñense convertido nunha “realidade sorprendente, sólida e moi articulada produtiva e esteticamente”, como constata unha presenza cinematográfica internacional inusual en Europa. De feito, a evolución deste fenómeno segue a dar os seus froitos, tal e como se puxo de manifesto na pasada edición da Berlinale coas seleccións de Samsara, de Lois Patiño; Matria, de Álvaro Gago, e Sica, de Carla Subirana, estes dous últimos filmes exhibidos en versión orixinal galega.

Proxeccións en galego
En galego con subtítulos en italiano ou inglés proxectaranse tamén as seis longametraxes que integran a escolma de Focus Europa: Galicia, elaborada por Vincenzo Bugno, director artístico do Bolzano Film Festival Bozen, e Ricardo Apilánez, membro do comité de selección do Festival Internacional de Cine de Xixón.

Así, o especial arranca este mércores con O que arde, de Oliver Laxe, que será presentada por Carlos Tercero, conselleiro cultura da Embaixada de España en Italia, e por Jaime Pena, programador da Filmoteca de Galicia. O filme terá un segundo pase o sábado 22, mentres que Lúa vermella, de Lois Patiño, proxectarase o xoves 20 e o domingo 23.
 
Ata Bolzano desprazaranse, así mesmo, os realizadores Eloy Enciso e Helena Girón xunto a Samuel M. Delgado con motivo das proxeccións das súas respectivas películas: Longa noite, o venres 21, e Eles transportan a morte, o sábado 22, sobre as que manterán cadanseu encontro co público, acompañados en ambos casos pola produtora Beli Martínez.

Tamén forman parte deste especial galego no Bolzano Film Festival Bozen Trinta lumes, de Diana Toucedo, que se exhibe sábado 22, e Trote, de Xacio Baño, o domingo 23.

A programación complétase coa celebración este venres dunha mesa redonda baixo o título Novo Cinema Galego, máis alá dos clixés: identidade artístico e xeográfico-cultural, que contará coas intervencións de Jaime Pena, Beli Martínez, Beatrice Fiorentino e Eloy Enciso.

Máis de 60 títulos
O Bolzano Film Festival Bozen, que arranca mañá mesmo nesta cidade italiana moi próxima á fronteira alemá, botou a andar en 1987 co obxectivo de ofrecer unha panorámica do cinema que se estaba a realizar nos países veciños e, ao tempo, potenciar as producións locais de cinema independente.
 
Máis de 60 títulos entre longas e curtas conforman o programa da súa 36ª edición, á que están convidados máis dun centenar de profesionais do sector do cine e na que a organización aspira a recuperar as cifras de público anteriores a pandemia, superando os 5000 asistentes.

Máis información: Bolzano Film Festival Bozen