Novas
Paula Quintas Cía estrea no festival '6coreógrafas' da Estrada o espectáculo coproducido pola Xunta 'O salón dos pasos perdidos'




[24/04/2023]
A Estrada acolle por terceiro ano consecutivo o festival 6coreógrafas, que volve contar coa colaboración da Xunta de Galicia para o seu desenvolvemento hoxe e o vindeiro sábado 29, Día Internacional da Danza, cun cartel que inclúe catro espectáculos galegos e dous obradoiros. A mostra arrancou este mesmo mediodía no Teatro Principal estradense coa estrea O salón dos pasos perdidos, de Paula Quintas Cía, un dos tres espectáculos apoiados pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través da convocatoria de coproducións do Centro Coreográfico Galego 2022.O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación desta terceira edición da mostra e asistiu, a continuación, ao primeiro pase público de O salón dos pasos perdidos, nunha función especial para público escolar antes da súa estrea oficial o vindeiro mes de maio no Festival Cervandantes da localidade madrileña de Alcalá de Henares.
A peregrinación como punto de partida
Esther Latorre, Fran Martínez, Hugo Pereira e Paula Quintas son os creadores e intérpretes desta peza, con música orixinal de Mounqup, ideada prioritariamente para a súa exhibición en espazos abertos. A montaxe xunta catro camiñantes impulsadas polo sentido purificador que se atopan na peregrinación común da vida. A reflexión sobre o tempo, o espazo e mais o territorio na construción dunha memoria conxunta son algunhas das claves da peza.
Paula Quintas é tamén a directora artística de 6coreógrafas, que continuará a súa programación o vindeiro sábado con dous obradoiros para o alumnado da Escola Municipal de Artes Escénicas e con outros tres espectáculos galegos.
Trátase de Corpos de abismo, de Duelirium, ás 13,00 h. no Teatro Principal; Onde pousa a humidade, de Marcia Vázquez, ás 19,30 h. na Alameda Municipal; e Tabú, de Colectivo Glovo, ás 20,00 h. tamén no Principal. Esta última proposta é igualmente un dos títulos cofinanciados pola Xunta a través das convocatorias anteriores do programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego.
-6coreógrafas