A Xunta abre a sa convocatoria anual de axudas para promover o talento audiovisual galego con preto de 200.000 euros

  O DOG publica hoxe as bases destas subvencións, que se distribuirán entre 17 proxectos: oito curtametraxes, seis guións e tres longas de dirección novel

  Esta liña de apoio ten como obxectivo contribuír á xeración de novas propostas narrativas de especial valor cultural e á incorporación da nova creación á industria audiovisual galega

A Xunta abre a sa convocatoria anual de axudas para promover o talento audiovisual galego con preto de 200.000 euros
[26/04/2023]
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria anual de subvencións á creación audiovisual para a promoción do talento galego neste ámbito, que mantén a súa dotación de 194.000 euros. Este investimento distribuirase entre 17 proxectos, oito deles para a realización ou posprodución de curtametraxes, seis para a escrita de guión e tres para a produción de longas de dirección novel.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, reserva mediante esta liña de axudas 30.000 euros para seis proxectos de guión en galego para longas de cine (modalidade A), 36.000 euros para a produción de seis curtametraxes sobre proxecto (modalidade B1), 8.000 euros para dúas curtas en construción que realicen a súa posprodución en Galicia (modalidade B2) e 120.000 para tres longametraxes cinematográficas de especial valor artístico e asinadas por realizadores noveis (modalidade C). En todos os casos, a versión orixinal deberá ser en galego.

Trátase, ademais, dunha das 57 accións recollidas no Plan Xeración Cultura dotado con 34M€ de euros e que dedica especificamente un dos seus cinco eixos a impulsar a nova creación e os talentos emerxentes.
 
Novas propostas narrativas
En concreto, estas subvencións autonómicas ao talento, buscan favorecer a incorporación da nova creación á industria audiovisual galega coa finalidade de promover a xeración de propostas narrativas de especial valor cinematográfico e de contribuír ao enriquecemento cultural de Galicia mediante as distintas formas de expresión audiovisual, ao tempo que se facilita a súa función como instrumento para a normalización lingüística.

-Máis información