Novas
A Xunta promove ata outubro 18 novas actuacións de música e baile tradicionais no marco do ciclo 'Danza 3'




[30/04/2023]
A Alameda de Mondoñedo acolle mañá ás 17,30 h. a actuación da formación Xacarandaina dentro de Danza 3, o ciclo promovido pola Xunta de Galicia e o devandito colectivo e mais O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos, que chega este ano á súa undécima edición difundindo a danza e a música tradicionais de Galicia.Esta programación, que comezou o pasado 16 de abril coa representación de Cantigas e Agarimos en Vedra, continuará ata o mes de outubro ata chegar a 18 concellos galegos con cadansúa cita coa cultura popular galega, a maior parte delas en localizacións exteriores e formatos que facilitan o encontro do público.
Seis actuacións para cada colectivo
Tras a función de mañá en Mondoñedo, Danza 3 continuará a próxima semana con Cantigas e Agarimos na praza do Concello de Manzaneda (sábado 13 ás 18,30 h.) eao día seguinte en Ribeira, cun pasarrúas pola zona do malecón e a praza García Bayón, que dará comezo ás 18,00 h.
Xa no mes de xuño, O Fiadeiro actuará en Gondomar (recinto da igrexa de Mañufe, día 18) e Xacarandaina en Muros (praza do Concello, día 30). O calendario de actividade prolongarase durante todo o verán e rematará o 22 de outubro, coa visita de Xacarandaina a Arteixo. Nesa data, cada unha das tres formacións participantes terán realizado seis actuacións nos distintos concellos, catro delas centradas no repertorio de danza e dúas, eminentemente musicais.
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades renova así a súa colaboración anual co colectivo XOC, que traballa para lle dar visibilidade ao folclore galego, tanto a través das actividades de exhibición que realizan dentro e fóra das súas sedes como dos cursos de formación e de recuperación desta parte do patrimonio inmaterial galego.
-Xacarandaina