A Xunta súmase á celebración do Día Internacional da Danza coa nova convocatoria do programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego

  A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades investirá máis de 45.000 euros na posta en marcha de tres novos espectáculos galegos, que recibirán preto de 15.000 euros máis IVE en cada caso

  Introdúcese unha modalidade específica para compañías emerxentes, á que se reserva unha das tres coproducións previstas

 A Xunta súmase á celebración do Día Internacional da Danza coa nova convocatoria do programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego
[29/04/2023]
A Xunta de Galicia abre hoxe, Día Internacional da Danza, o prazo de solicitude do programa anual de coproducións que desenvolve neste ámbito a través do Centro Coreográfico Galego. Mediante esta convocatoria contribuirase á chegada aos escenarios de tres novos espectáculos, en calquera das modalidades relacionadas coa danza e as artes do movemento, dos que un deles corresponderá a unha compañía emerxente.

O establecemento desta categoría específica para compañías ou profesionais con ata cinco anos de traxectoria é a principal novidade deste ano, co obxectivo de favorecer a incorporación de novos nomes, propostas e linguaxes ao actual panorama da danza en Galicia.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades reserva máis de 45.000 euros a esta convocatoria, de xeito que se establece un límite de 14.999 euros, máis IVE, para cada un dos tres proxectos seleccionados. Ademais, poderán poñerse á súa disposición os recursos técnicos e de persoal do Centro Coreográfico Galego, tanto para os ensaios, como para a estrea e as primeiras representacións dos espectáculos adxudicatarios.

Segundo as bases dispoñibles na sección de avisos desta web, esta iniciativa diríxese tanto a profesionais como a empresas dedicadas de xeito profesional á produción escénica e que desenvolvan a súa actividade maioritariamente en Galicia. A achega económica materializarase a través de cadanseu contrato de coprodución e non poderá superar o 80% do orzamento total do proxecto presentado.
 
Prazo ata o 18 de maio
O prazo de solicitude manterase aberto ata o vindeiro 18 de maio, mentres que o de execución será de 12 meses desde a sinatura do contrato. Neste período deberá levarse a cabo un mínimo de dúas representacións do espectáculo, ademais da súa función de estrea.
 
Unha comisión será a encargada de valorar as solicitudes, de acordo cun baremo de puntuacións que se aplicarán ás memorias tanto do proxecto como da traxectoria profesional do seu equipo artístico e que terá en conta tamén a porcentaxe económica solicitada sobre o orzamento total.
 
Estreas de Paula Quintas e Kirenia Danza
Na temporada 2022-2023 coproducíronse os espectáculos O salón dos pasos perdidos, que Paula Quintas vén de preestrear esta semana no festival 6coreógrafas da Estrada; Afectos, de Kirenia Danza, que se estrea o vindeiro día 4 de maio na Cidade da Cultura dentro do festival Escenas do cambio, e Proto (SN 1604), de Janet Novas.
 
Son xa preto de 20 os espectáculos que contaron co apoio deste programa de coproducións nos últimos anos. Ademais dos xa citados, nesta listaxe figuran da compañía Elahood, Credo de Nova Galega de Danza, Tabú de Colectivo Glovo, Festina lente de Andrea Quintana, Tres tristes 2.0 de Kirenia Danza ou Umbral de Javier Martín, entre outros.
 
Plan Integral para a Danza de Galicia
O obxectivo deste programa de coproducións, promovido por sétimo ano consecutivo a través dunha convocatoria pública, é favorecer a produción de danza en todas as súas modalidades, impulsar a creación de espectadores para esta disciplina escénica e  consolidar produtos culturais competitivos que xeren retorno. Entronca, neste sentido, cos obxectivos recollidos no Plan Integral para a Danza de Galicia, elaborado e publicado recentemente pola Xunta a partir dun proceso participativo co sector.
 
-Máis información