Xunta e Agapi po˝en en marcha o programa 'Educa Audiovisual' para o alumnado galego de Secundaria

  A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades conta coa Asociación Galega de Produtoras Independentes para a xestión desta iniciativa, que pon a disposición dos institutos un catálogo de 14 filmes e series para traballar na clase como complemento aos contidos curriculares

  Ábrese o período de solicitude para que os centros interesados accedan a unha serie de coloquios complementarios con profesionais do audiovisual galego

Xunta e Agapi po˝en en marcha o programa 'Educa Audiovisual' para o alumnado galego de Secundaria
[04/05/2023]
A Xunta de Galicia acaba de poñer en marcha o novo programa pedagóxico Educa Audiovisual para a difusión do audiovisual galego e en lingua galega entre o alumnado de Educación Secundaria. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades conta coa colaboración da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) para o desenvolvemento desta iniciativa, que pon a disposición dos institutos un catálogo de 14 títulos e unha serie de coloquios complementarios con profesionais do sector.

O catálogo dixital de Educa Audiovisual inclúe filmes, series, curtas e videogramas, a través dos que se abordan moi diferentes temáticas co fin de que poidan ser empregados como material de traballo na aula nas distintas materias curriculares. A lingua, a memoria e o territorio son os tres eixos arredor dos que orbitan as 14 obras, sempre desde unha óptica actual e accesible, que mestura a linguaxe documental e as técnicas fílmicas de vangarda. O obxectivo é proporcionarlle ao profesorado unha nova ferramenta para lles achegar coñecemento aos seus estudantes empregando como base contido audiovisual de calidade e en galego.

Reflexión e espírito crítico
Cada unha das fichas dos traballos desta escolma sintetiza a súa temática e a súa sinopse, ademais de facilitar os enlaces para o seu visionado na clase. A maiores deste uso libre do catálogo, Educa Audiovisual ofrécelles aos centros a posibilidade de acceder a unha serie de coloquios a través dos que se busca enriquecer esta experiencia facilitando o contacto do alumnado cos profesionais do sector, ao tempo que se favorece a reflexión e o desenvolvemento do espírito crítico. As solicitudes para acoller estes encontros poden enviarse ao correo agapimpulsa@agapi.gal e serán atendidas por orde de chegada ata esgotar a dispoñibilidade para este ano 2023.

O catálogo, xa remitido a todos os institutos galegos de Educación Secundaria, está conformado pola serie documental 225 Km / 24 h., de Miramemira; A dobraxe en galego, un modelo de normalización, de Recrea Films con dirección de Chema Gagino; A mestra de escola, de Alba Prol e produción de Meteórica Cine; Ahí ven o Maio, sobre o primeiro disco homónimo de Luis Emilio Batallán, de Tamboura Films; as curtametraxes de Sétima As ondas, dirixida por Ángel Filgueira, e Crianza; a peza Elas, produtoras executivas, realizada pola propia Agapi; Mourelle de la Rúa. O último gran descubridor, de Chema Gagino e Amalia Mato; a serie de pezas documentais O camiño das estrelas, de Tamboura; Os camiños do neno labrego, de Noveolas Producciones; Por vir, documental de Eloy Domínguez Serén producido por Zeitun Films; Repartidores do rural, de Miramemira; Tesouros somerxidos, de Tex45, e Videogramas. A propósito de Compostela, de Numax.

Educa Audiovisual é unha iniciativa financiada en virtude do acordo de colaboración establecido entre o Instituto da Cinematografía e das Artes Cinematográficas (ICAA) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, para a difusión do audiovisual en lingua galega.


-Catálogo 'Educa Audiovisual'