Novas
Cultura e gastronomía únense no novo 'Festival Matías López' de Sarria ao abeiro do programa da Xunta 'Territorio Cultural'




[12/05/2023]
O programa Territorio Cultura da Xunta está a favorecer a materialización de novas propostas de dinamización do rural galego, subvencionadas na segunda quenda de adxudicacións deste fondo de 1,3 millóns de euros para ampliar e diversificar a oferta cultural galega en zonas non urbanas. Unha destas incorporacións é a do Festival Matías López. A cultura do chocolate, que se desenvolve desde hoxe e ata o vindeiro domingo en Sarria arredor dun programa de teatro, música, cine, showcookings, obradoiros, coloquios e exposicións co chocolate como fío condutor.A carpa instalada no parque do Chanto acollerá a meirande parte destas actividades, a través das que se busca poñer en valor a figura de Matías López, empresario sarriao instalado en Madrid, quen na segunda metade do século XIX foi o precursor do márketing comercial en España e da industrialización no sector do chocolate, coa súa produción na fábrica de Chocolates Matías López no Escorial.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse hoxe co alcalde de Sarria, Claudio Garrido, para afondar nos detalles organizativos deste novo festival, que se atopa entre a trintena de proxectos inseridos en Territorio Cultura.
A cultura, motor de revitalización
A través desta iniciativa financiada cos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resilencia de Next Generation EU, a Xunta aposta pola cultura como motor de revitalización do rural, que se deixa notar tamén nos ámbitos social, turístico e económico. Con tal fin, abriu as dúas convocatorias do programa tanto ás entidades locais como ás empresas culturais galegas, que se suman a este obxectivo a través dos proxectos agora subvencionados para o desenvolvemento de moi diferentes actividades e accións en 85 municipios das catro provincias.
Polo que respecta ao Festival Matías López, ten como principal característica o seu fundamento temático, multidisciplinar e para todos os públicos. Así, o chocolate e a figura de Matías López son o eixo da programación, que arrancou esta mesma mañá cunha master class sobre a maridaxe do chocolate e o cacao e continuará ás 20,00 h. desta tarde coa proxección do filme Chocolat na Casa da Cultura.
O sábado e o domingo, a actividade centrarase na carpa do parque do Chanto, onde se poderán visitar os expositores das principais marcas de chocolate de Galicia, tanto de tradición artesanal como de produción innovadora, e a mostra O mundo do chocolate, ademais de participar en showcookings, obradoiros, coloquios, catas comentadas, degustacións ou demostracións de chocolaterapia, entre outras accións.
Teatro e concertos
Ademais, mañá pola tarde terá lugar unha sesión de contacontos a cargo de Ángeles Goás, unha intervención teatralizada sobre a tradición chocolateira de Sarria e o concerto de Dous Bos.
Para o domingo, o festival propón unha sesión vermú co grupo local Louband, a presentación do libro sobre Matías López escrito por Gregorio Sánchez Meco e Xaime Félix López Arias ou o concerto da formación Clarisaxos.