Chega aos cinemas 'Sica', produciˇn de Miramemira rodada na Costa da Morte con subvenciˇn da Xunta

  O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asisten á súa preestrea en Carballo na véspera da súa entrada no circuíto comercial

  A primeira longametraxe de ficción da directora catalá Carla Subirana, seleccionada nos festivais de Berlín e Málaga, está filmada en galego e interpretada por rapaces e actores non profesionais desta comarca coruñesa

Chega aos cinemas 'Sica', produciˇn de Miramemira rodada na Costa da Morte con subvenciˇn da Xunta
[18/05/2023]
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, desprazáronse esta tarde a Carballo para acompañar o equipo de Sica, a nova película da produtora galega Miramemira, na súa preestrea nos Cines Bergantiños. Este pase especial para o público da Costa da Morte, onde se levou a cabo a rodaxe, tivo lugar ademais na véspera da súa chegada mañá ao circuíto de salas comerciais de toda España.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades contribuíu á materialización deste título, filmado en Galicia e en lingua galega, cun investimento de máis de 250.000 euros a través da convocatoria de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego de 2021, ademais de apoiar a súa promoción no seu paso polos festivais internacionais de cine de Berlín e de Málaga.

Os representantes da Xunta de Galicia coincidiron en destacar o crecente prestixio do que goza o audiovisual galego dentro e fóra das nosas fronteiras froito da calidade creativa deste sector que desenvolve a súa actividade nunha contorna local, pero integrado na cinematografía, na política audiovisual e no modelo de negocio mundial.
 
Debut na longametraxe de ficción
Neste contexto enmárcase a alianza da empresa galega Miramemira, responsable da exitosa O que arde, do director Oliver Laxe, coa produtora Alba Sotorra para levar ás pantallas esta primeira longametraxe de ficción da directora catalá Carla Subirana, de recoñecida traxectoria no xénero documental. Ambas xuntaron nesta coprodución un sólido equipo técnico con recoñecidos profesionais do sector, mentres que para a faceta interpretativa se levou a cabo un exhaustivo casting entre actores non profesionais da Costa da Morte.

Neste proceso seleccionouse, por exemplo, a Thais García, a rapaza de Cabana de Bergantiños que encarna a Sica, a protagonista do filme, filla dun mariñeiro que desaparece no naufraxio do seu barco. A historia desenvólvese mentres a cativa agarda a que o mar devolva o corpo do pai, período durante o que o seu único apoio será un rapaz da zona ao que alcuman O Cazatormentas, interpretado por Marco Antonio Florido. Pola súa banda, a tamén debutante María Villaverde dálle vida a Leda, a mellor amiga de Sica, e a actriz catalá Núria Prims, á nai da protagonista.
 
Camariñas, Ponteceso, Laxe ou Malpica foron algúns dos municipios da comarca que acolleron esta filmación, para a que Carla Subirana elixiu a Costa da Morte tras percorrer en 2016 o Camiño dos Faros. Seguindo a súa metodoloxía como documentalista, nos anos posteriores foi ampliando o seu coñecemento da zona e dos seus habitantes, a partir do que creou unha historia que aborda a transformación dunha forma de vida tradicionalmente vinculada ao mar, a ameaza dos fenómenos meteorolóxicos extremos e os efectos negativos da acción humana na natureza.

- miramemira