O CENTRO COREOGRÁFICO APOIA EN 2008 UN TOTAL DE SETE PROXECTOS DENTRO DO PROGRAMA ARTISTAS EN RESIDENCIA

O Torrente Ballester de Ferrol convértese en espazo de creación e investigación para os artistas residentes do CCG

[03/09/2008]
O Centro Torrente Ballester de Ferrol acolle durante o mes de setembro tres das sete residencias artísticas apoiadas este ano polo Centro Coreográfico Galego (CCG) no marco das que os creadores Rosa Casado, Félix Fernández, e Estela Lloves e Tania Arias traballarán no desenvolvemento dos seus respectivos proxectos escénicos: Some things happen all at once, Subidón, saldos de un bazar familiar, e Alicia en Grusia Proyect.
Trala conclusión destas estadías, xa no mes de outubro, os artistas protagonizarán unha exhibición pública para compartir os resultados do seus procesos creativos cos profesionais e espectadores interesados.

Artistas en Residencia é un programa anual do Centro Coreográfico Galego que ten como finalidade apoiar a creación, a investigación e a experimentación tanto de artistas que traballen no ámbito da danza como daqueles que, dende outras disciplinas artísticas, teñan a danza ou as artes do movemento como referencia. A unidade da Consellaría de Cultura ofrécelles aos creadores convidados os medios materiais (dotación económica e espazo de traballo) e de persoal de apoio necesarios para desenvolver e presentar as súas propostas, favorecendo igualmente o intercambio e o diálogo con outras disciplinas artísticas.

Programa 2008

Ademais dos tres traballos que se están a desenvolver en Ferrol, o CCG apoia este ano outros catro proxectos de residencia no Teatro Galán de Santiago: Play de Uxía P. Vaello e Borja Fernández (que tivo lugar no mes de marzo), La danza del cisne de Iker Gómez (xullo), 90 dB de Bárbara Bañuelos (outubro) e Casualidances... desencontros de Antón Coucheiro (decembro). Na súa primeira convocatoria, en 2007, o programa Artistas en Residencia acolleu dous proxectos: un de creación (Arder nun hotel, de Uxía P. Vaello) e outro de investigación (Arándara, de Henrique Peón e Mercé de Rande).

Intervención dos espectadores

A creadora e performer Rosa Casado colabora co británico Mike Brookes no desenvolvemento de Some things happen all at once, unha performance-instalación que reflexiona sobre o progreso e a sostenibilidade a partir da imaxe do derretemento dun bosque de xeo, na que os espectadores poden intervir directamente.

Casado, que na actualidade é bolseira da Academia de España en Roma, foi elixida polo Instituto Cervantes en 2007 como unha das novas artistas de performance máis interesantes do panorama estatal.

O proxecto Subidón, saldos de un bazar familiar, do viveirense afincado en Madrid Félix Fernández, é unha reflexión autobiográfica que desenvolve unha viaxe imaxinaria a través da estraña relación entre o creador e a súa nai, ao tempo que indaga na identidade dos seus protagonistas, nas súas lembranzas e na súa forma de relacionarse co papel que lles tocou vivir.

Licenciado en Belas Artes, na especialidade de escultura, pola Universidade de Vigo, na súa traxectoria artística teñen cabida a danza, a videocreación e as artes plásticas, entre outras manifestacións. Para Subidón, saldos de un bazar familiar, Fernández conta coas achegas de Rubeck, Lavandera, Manuel Morales e Pilar Fernández como artistas colaboradores.

Galicia e Rusia

No proceso creativo do dúo Alicia en Grusia Proyect, a bailarina, actriz e coreógrafa viguesa Estela Lloves e a bailarina de orixe rusa Tania Arias Winogradow investigan sobre o concepto de identidade, centrándose en dous dos seus aspectos básicos: o territorial e o familiar. As culturas galega e rusa mestúranse neste proxecto, a partir do que se propón un achegamento a ambas idiosincrasias (paisaxes, linguas, costumes, danzas e cancións, tradicións, etc.)

Formada en danza e teatro físico, Estela Lloves vén colaborando como intérprete ou cocreadora en espectáculos de compañías como Matarile Teatro (Compostela), Andrés Corchero (Barcelona), Este Oeste, El Bailadero e Lucas Cranach (Madrid), A Raia (Valencia) e Mai Juko (Xapón), ademais de presentar os seus propios traballos baixo os nomes de "Bella Russo" e "A Arraiana". Tania Arias, pola súa banda, bailou para o Ballet de Víctor Ullate, Aracaladanza, Larumbe Danza, El Curro DT ou El Tinglao, entre outras formacións, ademais de traballar como asistente en escena de La Ribot en 40 espontáneos.