MÁIS DE 130 PROFESIONAIS DAS ARTES DO MOVEMENTO PODERÁN BENEFICIARSE DESTE PLAN DE FORMACIÓN QUE COMEZA HOXE EN SANTIAGO CO CURSO DE PRODUCIÓN DE MONTSERRAT PRAT

O Centro Coreográfico Galego ofrece oito cursos a cargo de expertos en distintas áreas da danza

[08/09/2008]
O Centro Coreográfico Galego (CCG) da Consellaría de Cultura e Deporte inicia hoxe en Santiago de Compostela o seu Plan de Formación para a temporada 2008-2009. En total son oito os cursos, dirixidos tanto ao público xeral como aos profesionais da danza e outras artes do movemento, que se realizarán de setembro de 2008 a abril de 2009 en Santiago e na Coruña. A oferta ábrese cun curso de produción que imparte Monserrat Prat, e que se desenvolve na Arteria Noroeste de Santiago até o vindeiro 12 de setembro.
Co fin de dar cabida ás distintas facetas das artes do movemento, ofértanse cursos de técnica e repertorio de danza contemporánea, técnica Graham, etc. O devandito programa pedagóxico complétase con sesións de videodanza dirixidas a alumnos de primaria e secundaria, con clases regulares de ioga e pilates dirixidas a bailaríns e coas clases abertas da nova produción do CCG, Giseliña do coreógrafo Cisco Aznar, que se realizarán a partir do mes de decembro.

Cursos para profesionais

A oferta formativa do CCG especialmente deseñada para profesionais da danza vén a cubrir, dun xeito integrado e sistemático, a crecente demanda existente en Galicia cara este tipo de iniciativas. Consta de oito actividades formativas: un curso de produción dirixido por Monserrat Prat, cinco cursos de danza que impartirán os coreógrafos e bailaríns: Gustavo Ramirez, David Zambrano, Peter Michael Dietz, André Braga e Claudia Faci, e un curso de técnica Graham dirixido por Esther Eirás.

O curso de produción que imparte Monserrat Prat, prfesora do Institut del Teatre de Barcelona, desenvólvese desde hoxe a até 12 de setembro na Arteria Noroeste da SGAE, en Santiago, e nel daranse as claves de organización, produción e dirección dun proxecto artístico.

O taller de danza contemporánea que imparte Gustavo Ramírez terá lugar do 15 ao 19 e do 22 ao 26 de setembro no Centro Coreográfico Galego (A Coruña). Nel o coreógrafo e bailarín alicantino abarcará o traballo técnico de base, a práctica de repertorio e a creación ou composición.

David Zambrano centrarase na relación do bailarín co chan no curso que impartirá no Centro Coreográfico Galego do 6 ao 17 de outubro. Peter Michael Dietz, integrante da compañía de Paulo Ribeiro, traballará tamén as conexións verticais co chan no workshop que dirixirá do 15 ao 19 de decembro.

Do 19 ao 23 de xaneiro André Braga traballará na exploración, improvisación e composición de movemento para acadar un método de desenvolvemento da creación artística. Esther Eirás introducirá as claves da técnica e repertorio Graham nun curso que se desenvolverá no Centro Coreográfico Galego o 7 e o 8 de febreiro.

A oferta formativa de danza complétase co curso que a coreógrafa e bailarina Claudia Faci dirixirá do 16 ao 28 de marzo de 2009, e no que ofrecerá aos alumnos ferramentas de traballo que lles permitan participar da creación contemporánea.

Achegar a danza aos máis mozos

Esta oferta complétase cos talleres de videodanza para público escolar que conduce Gala Placidia. Estas sesións están pensadas para achegar a danza aos máis mozos e fomentar o coñecemento das artes multidisciplinares entre os adolescentes. Con esta iniciativa o Centro Coreográfico Galego quere familiarizar aos escolares coas novas disciplinas e linguaxes de expresión contemporánea da danza e da creación audiovisual.

Traballar na captación de novos públicos, na difusión das artes do movemento e facilitar o intercambio entre profesionais son os obxectivos principais que o Centro Coreográfico Galego quere acadar con esta oferta formativa.