OS ESPAZOS COMPOSTELÁNS SANTART E TEATRO ESCENA SÚMANSE Á REDE GALEGA DE SALAS

As tres redes da AGADIC ofrecen un total de 646 funcións de teatro, danza, maxia e música até finais de ano

[12/09/2008]
As tres redes de distribución de teatro, danza, maxia e música que promove a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) retoman a súa actividade neste mes de setembro para programar até finais de ano un total de 646 funcións, das que 332 corresponden á Rede Galega de Teatros e Auditorios, 207 á Rede Galega de Música ao Vivo, e 107 á Rede Galega de Salas.
Unha das novidades neste último cuadrimestre de 2008 é a incorporación á Rede Galega de Salas de dous novos espazos composteláns: a Sala Santart e o Teatro Escena (edificio ARTeria Noroeste). Os seus escenarios súmanse aos da Sala Nasa, tamén en Santiago; Teatro del Andamio, na Coruña; e Teatro Ensalle e Teatro Arte Livre, en Vigo para configurar este circuíto de salas privadas que no seu segundo ano de funcionamento incrementará en máis dun 66 por cento o número total de funcións (un total de 206 fronte ás 124 ofrecidas durante 2007).

No caso da Rede Galega de Música ao Vivo, promovida pola AGADIC en colaboración coa asociación Clubtura, a maxia súmase por vez primeira á carteleira de concertos, de xeito que as 46 salas que a conforman acollerán neste período un total de 145 actuacións protagonizadas por 64 grupos e solistas de diferentes estilos musicais e 62 funcións a cargo de 17 magos.

Pola súa banda, o programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios para estes catro meses estará configurado polas últimas propostas de 71 formacións artísticas de teatro de actor, monicreques, danza, maxia e música de cámara, a meirande parte delas galegas. As actuacións desenvolveranse en diferentes escenarios dos 41 concellos e entidades que participan no circuíto.

Paraíso e Ao vivo música

Coincidindo con este novo período de programación, a Axencia Galega das Industrias Culturais acaba de editar os novos números das revistas Paraíso e Ao vivo música, publicacións semestrais destinadas á difusión da actividades destas tres redes. No caso de Paraíso, que se fai eco da programación da RGTA e da RGS, dedica a súa portada ao autor, director e narrador Cándido Pazó. Esta cuarta entrega ofrece, ademais, reportaxes sobre as compañías Teatro do Noroeste, Teatro do Morcego, Berrobambán e Druidadanza, e sobre o Teatro Área Panorámica de Tui, xunto con comentarios especializados, o calendario de programación dos dous circuítos e as fichas de todos os espectáculos.

Canto a Ao vivo música, revista de promoción da música galega que se distribúe de xeito gratuíto nos locais da Rede Galega de Música ao Vivo, entrevista nesta ocasión ao grupo Niño y Pistola, ofrece unha panorámica do hip hop galego e avanza a que será a achega galega ao próximo Womex. Uxía, Ataque Escampe, Bocixa (vocalista de Zënzar), Projecto Mourente e Capitán Furilo son outros dos protagonistas do segundo número da revista, que inclúe así mesmo un caderniño central co calendario de actuacións previsto de setembro a decembro na RGMV.

Inscrición de espectáculos e grupos

Nestes momentos comezan, ademais, os preparativos para configurar a que será a programación dos tres circuítos para o vindeiro ano. Até o 30 de setembro permanecrá aberto o prazo de inscrición de espectáculos para o 1º semestre de 2009 da Rede Galega de Teatros e Auditorios, así como de grupos e solistas para a programación 2009 da Rede Galega de Música ao Vivo, que se realiza a través da web de www.galescena.info. Unha vez rematado este proceso, os teatros, auditorios e salas que conforman os tres circuítos serán os encargadas de seleccionar as formacións artísticas para as súas propostas de programación.