A INICIATIVA REUNIRÁ A PARTIR DE HOXE E DURANTE DÚAS SEMANAS NON CONSECUTIVAS A ALUMNOS INTERESADOS EN TRABALLAR A TÉCNICA, O REPERTORIO E A COMPOSICIÓN

Gustavo Ramírez imparte un curso de danza contemporánea no CCG

[15/09/2008]
O coreógrafo e bailarín Gustavo Ramírez imparte do 15 ao 19 e do 22 ao 26 de setembro un curso de danza contemporánea na sede do Centro Coreográfico Galego (CCG) no que participan profesionais e estudantes da danza e outras artes do movemento, que se dan cita na Coruña coa finalidade de traballar nocións de técnica, repertorio e composición.
A iniciativa enmárcase no programa formativo do CCG, que deu comezo a pasada semana en Santiago cun curso de produción a cargo da mestra catalá Montserrat Prat. En total son oito os cursos, dirixidos tanto ao público xeral como aos profesionais da danza, que o CCG realizará até abril de 2009 en Compostela e na Coruña.

O taller de danza contemporánea que imparte dende hoxe Gustavo Ramírez abrangue o traballo técnico de base, a práctica de repertorio e a creación ou composición. A primeira parte do curso é unha clase técnica coa que afondar e potenciar a versatilidade do movemento e asimilar o corpo como instrumento de creación artística.

Na segunda parte os alumnos traballarán o repertorio, interpretando diferentes fragmentos coreográficos e potenciando a versatilidade do movemento propio. O curso péchase coa composición: os alumnos traballarán nesta parte pequenas secuencias coreográficas nas que sintetizarán os coñecementos adquiridos ao longo do taller.

Traxectoria

Gustavo Ramírez é un bailarín e coreógrafo cunha longa e prolífica traxectoria profesional. Traballou no Ballet Xove de Alacante, Cía. Roberto G. Alonso, Ballet Contemporáneo de Barcelona, Nederlands Dans Theater ou Hubbard Street Dance Chicago, entre outros. O seu traballo foi recoñecido con galardóns como o Premio de Coreografía Ricard Moragas de Barcelona por Fetos, o primeiro premio Dom Perignon en Hamburgo por Un peso en la espalda ou o premio á Mellor Dirección Coreográfica e Mellor Espectáculo de Danza das Artes Escénicas da Generalitat Valenciana xunto a Asun Noales polo espectáculo Sacra/Dicese.

Profesional cun intenso currículo xestado fóra e dentro de España, foi director artístico de Torrevieja Danza e os seus ballets forman parte do repertorio das compañías de danza máis relevantes do panorama actual. Desenvolveu tamén o seu traballo como docente na Universidade Miguel Hernández e no Conservatorio Superior de Valencia.