PENSADA PARA NENOS E NENAS A PARTIR DE OITO ANOS DE IDADE, A REPRESENTACIÓN TERÁ LUGAR MAÑÁ SÁBADO ÁS 21.00 HORAS NO TEATRO PRINCIPAL DE SANTIAGO

O CDG repón "Valdemuller" para unha única función no Festival Galicreques

[10/10/2008]
O Centro Dramático Galego (CDG) repón no Teatro Principal de Santiago de Compostela a súa produción Valdemuller, dentro da programación do XIII Festival Internacional de Títeres Galicreques 2008. A compañía institucional desenvolverá unha única función -mañá sábado día 11 ás 21.00 horas- desta montaxe de teatro de obxectos especialmente pensada para o público infantil e xuvenil.
O elenco que integran as actrices-manipuladoras Alba Grande, Montse Piñón, Raquel Queizás e Manuela Varela vólvese reunir para dar vida unha vez máis aos 17 bonecos que poboan esta creación colectiva, realizada a partir do texto de X.A. Neira Cruz, que fora dirixida para a temporada 2007-2008 con gran éxito por Pablo Vergne, director de teatro de obxectos arxentino afincado en Madrid.

A reposición forma parte da política do CDG de posibilitar a recuperación de producións anteriores para contribuír á súa maior rendibilidade social, asociada a fins ou festivais concretos. Esta mesma política foi levada a cabo tamén con outras montaxes como Noite de Reis, dirixida por Quico Cadaval, ou A piragua, a cargo de Cándido Pazó.

No caso de Valdemuller, a reposición vén avalada polo éxito de público acadado na pasada temporada en escenarios das catro provincias galegas (Ourense, Narón, Tui, Pontevedra, Carballo, O Barco, Vilagarcía, Ribadeo, Muros, Vigo e Ferrol), así como no Centro Teatral Escalante de Valencia e no Festival Internacional de Teatro Fazer a Festa de Porto.

Estilo Vergne

A tradición de monicreques galega unida á experiencia e ao discurso estético de Pablo Vergne, recoñecido mestre das montaxes de monicreques, dan lugar a un traballo orixinal e de moi boa factura. Vergne caracterízase por un estilo singular que combina tradición e innovación, economía de medios e máxima expresividade, exploración de materiais e reciclaxe de obxectos, na procura de novas linguaxes escénicas e da complicidade co público.

Para Valdemuller, contou cun equipo artístico integrado por María de la Iglesia (espazo escénico e vestiario das actrices), Mari Carmen Pérez Pastor e Gador Enríquez (vestiario dos bonecos), Octavio Mas (iluminación) e María Eugenia Romero Baaamonde (axudante de dirección). Ricardo Vergne, Gustavo Brito, Javier Gallego e Bernardo Rodríguez foron os encargados de realizar os 17 monicreques de case 60 centímetros de altura, construídos en látex, goma-escuma e poliuretano sobre unha estrutura interna de madeira, PVC e aluminio.

Sinopse

A historia de Valdemuller dá comezo cando a familia de Mina, que cumpre quince anos, prepara unha festa de aniversario con posta de longo incluída, que non é do gusto da rapaza. A sorte fai que algúns dos tópicos da festa sufran certos cambios involuntarios, como o acontecido co elegante traxe que lle tiñan preparado. Un agasallo misterioso desencadea unha investigación: Mina recibe un colgante en forma de estrela de sete puntas ante o cal toda a familia experimenta un certo nerviosismo. A rapaza, pouco e pouco e coa axuda da súa tía Olga, vai descubrindo os segredos que agocha o galano e as historias que oculta a súa familia.

A partir da entrega do obxecto máxico comeza para Mina a verdadeira busca da súa identidade. Emprende unha viaxe cara a Valdemuller chea de aventuras e perigos e, ao tempo que descobre o que significa ser unha "filla da lúa", experimenta un proceso de autocoñecemento e maduración que a axudará a continuar a súa vida dende outra perspectiva.

As entradas para asistir á función de Valdemuller, ao prezo de 7 euros, pódense reservar de 10 a 14 horas a través do teléfono 667 77 11 47.