ESTAS FUNCIÓNS DA PEZA CREADA POR CISCO AZNAR CELÉBRANSE EN VIRTUDE DUN ACORDO CO INSTITUTO CERVANTES, QUE ABRANGUE UNHA TERCEIRA ACTUACIÓN EN AMÁN (XORDANIA) EN ABRIL

O Centro Coreográfico Galego viaxa a Marrocos para presentar "Giseliña" nas cidades de Rabat e Tetuán

[23/03/2009]
O Centro Coreográfico Galego (CCG) presenta mañá 24 de marzo ás 20.00 h no Teatro Mohamed V de Rabat e o xoves día 26 ás 19.00 h no Teatro Español de Tetuán o seu espectáculo Giseliña, que conta co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura e que dirixiu o coreógrafo catalán asentado en Suíza Cisco Aznar. As dúas funcións que terán lugar en Marrocos son posibles a través dun acordo acadado co Instituto Cervantes, do Goberno de España, para a difusión da danza actual no ámbito internacional. No mesmo acordo insírese unha terceira representación da peza en Amán (Xordania) o vindeiro 27 de abril.
Giseliña constitúe a terceira produción da historia do CCG, despois de Vacuo de Maruxa Salas e Kiosco das almas perdidas de Roberto Oliván. Foi precisamente durante un pase de Kiosco... o pasado ano en Xixón cando os responsables do Cervantes se interesaron polo traballo que está a desenvolver o Centro desde a súa fundación en 2006.

O público de Marrocos poderá ver a versión orixinal íntegra do espectáculo, coa única variación dunha pequena modificación no vestiario das bailarinas, en concordancia coa cultura do país.

Giseliña é unha adaptación moi libre é poética do ballet clásico Giselle que se inspira ao tempo en figuras da tradición popular galega relacionada coa morte e o sobrenatural, como son as meigas ou a Santa Compaña. Así, as willis, noivas que morreron virxes e de noite abandonaban a morte para facer bailar os homes até que estes finaban, substitúense aquí por bruxas, do mesmo xeito que o bosque muda en mar e na súa influencia no carácter galego.

Cisco Aznar constrúe nesta peza un mundo polo que deambulan as pantasmas do pasado, un mundo cunha estética moi persoal que se apoia nuns movementos cargados de expresividade. Os bailaríns interpretan seres que se moven arredor das grandes paixóns, como son o amor ou a morte. A plasticidade das máscaras a escenografía e o vestiario ideados por Luís Lara, o espazo sonoro -que inclúe as voces de Alicia Alonso e María Callas- ou os vídeos que se integran na montaxe crean unha atmosfera cargada de fantasía, que achega ao espectador ao ámbito do sobrenatural.