AUMENTA A DOTACIÓN ECONÓMICA NAS DÚAS MODALIDADES DE OBRAS PARA ADULTOS E PARA RAPACES

Aberto o prazo de recepción de orixinais para o Premio Internacional Barriga Verde de Textos para Teatro de Títeres

[27/07/2006]
O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) da Consellería de Cultura e Deporte vén de convocar o IV Premio Internacional Barriga Verde de Textos para Teatro de Títeres, correspondente á edición de 2006, para o que se contempla unha dotación de 8.000 euros, dividida nas súas dúas modalidades de obras dirixidas especificamente a adultos (4.000 euros) e a rapaces (4.000 euros).
O IGAEM promove este galardón en colaboración coa Asociación Cultural Barriga Verde como xeito de incentivar a creación de textos para o eido dos títeres, ao tempo que lembra a figura de José Silvent, creador do mítico personaxe de Barriga Verde e considerado fundador do guiñol popular galego, así como precursor do actual teatro de monicreques.

A dotación do premio para a actual edición, á que poden optar todos os autores, calquera que sexa a súa nacionalidade, increméntase en 1.000 euros para cada unha das modalidades respecto á pasada convocatoria de 2005.

Entre os requisitos que se esixen nas bases publicadas no Diario Oficial de Galicia, alúdese á presentación de obras inéditas, non representadas nin premiadas con anterioridade, escritas en calquera lingua oficial sempre que veñan acompañadas da súa correspondente tradución ao galego. O tema e a extensión son libres, considerado o principio de duración normal dun espectáculo completo entendido nun sentido amplo. O prazo de recepción de textos remata o próximo 25 de setembro.

ANTERIORES GALARDOADOS

Na convocatoria de 2005 quedou deserta a modalidade de textos para rapaces, en tanto que o compostelán Xosé Manuel Fernández Castro con Misterio en Guernicaalzouse coa categoría de textos de teatro de titeres para adultos. Cataventos e Cía. ou a verdadeira historia de Amanda, a princesa, e Leonardo, o poeta, da galega Celia Díaz Núñez, resultou gañadora en 2004 na categoría de teatro para rapaces, mentres que a de textos para adultos quedou deserta. Na primeira edición deste galardón internacional, os vencedores foron o galego Tino Antelo, pola obra Cucho, Coco e o dilema do 6, e o arxentino Guaira Castilla, por O soñador, nas categoría de teatro para rapaces e para adultos, respectivamente.

Coa convocatoria do Premio Barriga Verde son tres os certames de creación literaria no eido dramático que organiza o IGAEM, xa que nestes momentos manteñen tamén aberto o prazo de recepción de orixinais o Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais e o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil.