AS ORIXINAIS MELODÍAS DA BANDA SOARÁN O XOVES 2 DE ABRIL A PARTIR DAS 22.00 H

Continúa a extensión do Festival Sinsal no Salón Teatro co concerto do grupo británico Pram

[31/03/2009]
O Salón Teatro de Santiago acolle este xoves 2 de abril, ás 22.00 horas, a actuación dos británicos Pram, un dos grupos máis oníricos do panorama alternativo actual. A banda, formada na súa base por Sam Owen, Matt Eaton, Max Simpson e a espectral voz de Rosie Cuckston, protagoniza a segunda cita da extensión en Santiago do Festival Sinsal, un encontro de referencia en Galicia para a música contemporánea máis vangardista. Pram ofrecerá temas do seu último traballo discográfico, The Moving Frontier (2007), aínda que actuarán sen a súa vocalista, apartada temporalmente dos escenarios.
Pram formou parte da primeira fornada de grupos post-rock como Laika, Mouse on Mars, Seefeel, Moonshake ou Stereolab que emerxeron a principios dos anos noventa. A súa historia comeza en Birmingham no selo Too Pure, converténdose en referencia dun son entre o ambiental e o experimental dentro do rock e da electrónica. Cos discos Helium (1995), The Museum of Imaginary Animals (2000) ou Dark Island (2003) demostraron a súa mestría para cruzar o lounge con electrónica e algunhas pingas de jazz.

Universo sonoro orixinal e inclasificable

O grupo sobreviviu ao paso do tempo pese e grazas á súa tremenda rareza. A súa música preséntase "como unha boa película de ciencia ficción, sen efectos especiais, entre David Lynch e Tim Burton, ás veces desacougante e fantasmagórica e outras, doce e tenra". Trátase dun universo sonoro completamente orixinal e inclasificable. Sobre o escenario, os seus compoñentes dan unha nova dimensión co seu son ateigado de melodías hipnóticas, texturas engurradas e minimalistas e acompañando a posta en escena con audiovisuais tan especiais e únicos como a súa música.

Case dúas décadas despois da súa formación, ben acreditados pola emulsión de ventos, xilófonos, theremíns, teclados e marimbas do aclamado The Moving Frontier (un dos dez mellores discos de 2008 segundo a prestixiosa revista The Wire) o grupo británico continúa vixente.

Próxima cita

Esta segunda edición do Festival Sinsal. Extensión Salón Teatro, que inaugurou o 22 de febreiro o californiano Jeremy Jay, continuará o vindeiro xoves 14 de maio coa actuación da banda experimental turinesa Larsen, que contará co engadido dunha voz amiga, a de Little Annie (tamén coñecida como Annie Anxiety), diva do dub e do cabaret post punk e colaboradora do grupo Coil ou do combo On-U Sound.

As entradas para asistir aos concertos en Santiago do Sinsal póñense á venda no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do comezo de cada actuación. Tamén poden adquirirse na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.