O ACTO ESTÁ ORGANIZADO POLA RADIO GALEGA E O CDG

O Teatro Rosalía Castro da Coruña acolle a entrega do III Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

[14/04/2009]
O Teatro Rosalía Castro da Coruña acolle mañá mércores 15 de abril, a partir das 20.30 horas, un espazo radioescénico no que se entregará a terceira edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. Os escritores Rubén Ruibal e César Candelas recollerán os galardóns da audiencia e do xurado, dotados cada un deles con 3.000 euros, pola obra Peter Buckley , título que concitou as dúas categorías do premio.


A utilización do formato de espazo radioescénico suporá a celebración diante do público dun acto a medio camiño entre un programa de radio, unha lectura dramatizada e unha gala de entrega de premios. Así, neste espazo, que organizan a Radio Galega e o Centro Dramático Galego (CDG), haberá lugar para a interpretación en directo de fragmentos dos textos finalistas da edición 2009 -ademais de Peter Buckley , Servizo de información de Paula Carballeira e O xou mas gou on de Eva Freixeira-. O dramaturgo, director e actor Cándido Pazó, responsable da dirección escénica, participará na presentación da interpretación que asumirán os actores Lino Braxe, Santi Prego, Xosé Manuel Olveira "Pico", Pepo Suevos, Miguel Varela, Santi Cortegoso e Marcos Correa.

No mesmo acto, concibido como unha emisión especial do programa Diario Cultural, presentarase o libro-CD, publicado por Edicións Xerais de Galicia, co texto e o rexistro das tes obras finalistas. O grupo Alo Django Swing Band porá tamén a música en directo, en tanto que a presentación e as entrevistas aos protagonistas correrán a cargo de Ana Romaní e Anxo Quintela. O acceso dos espectadores será libre até completar a capacidade do teatro.

O Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, organizado pola Radio Galega en colaboración co Centro Dramático Galego e o patrocinio da Consellería de Cultura e Deporte, procura fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico.