REALIZARANSE O 22, 23 E 24 DE ABRIL DE 16.00 H A 19.00 H NA NAVE DA AGADIC

Ensaios abertos da residencia artística Assemblage

[21/04/2009]
O público que o desexe poderá asistir aos ensaios abertos do proxecto Assemblage de Laura Lizcano, apoiado polo CCG (Centro Coreográfico Galego) a través do programa da AGADIC Artistas en Residencia os días 22, 23 e 24 de abril de 16.00 h a 19.00 h na nave da AGADIC (Rúa de Polonia nº 30. Polígono Costavella. Santiago de Compostela). Para asistir a esta actividade, e debido ao aforo limitado do espazo, débese solicitar asistencia a través do enderezo electrónico: documentacion.ccg@xunta.es, indicado o teu nome e número de teléfono.
Assemblage é un traballo no que colaboran artistas de diferentes áreas: danza, teatro, música, fotografía, iluminación, etc coa intención de crear un espectáculo interdisciplinar. O punto de partida son os conceptos de imaxe, palabra e imaxinación. Xorde deste xeito unha viaxe que vai dende o ultraterreo -botando man de palabras de Calvino- ata o imaxinario, procurando a evocación da imaxinación do espectador. Assemblage é un paseo dende a realidade ata a imaxinación, a transformación dunha realidade nun lugar imaxinario con acontecementos xerados dende a imaxinación e materializados no movemento.

A peza, que dirixe Guillermo Weickert, está creada e interpretada por Laura Lizcano, Uxía P. Vaello e Rafaela Salvador. Conta ademais co traballo de Nuno Tavares na creación da imaxe e fotografía, de Paco Lamato na música, Alfonso Castro na iluminación e Bikini.ducc e Uxía P. Vaello no deseño de vestiario. Assemblage conta tamén co apoio en residencia de: Associaçao de Lisboa, Assas de Palco de Guimaraes e Centro Cultural Antonio Gala de La Rinconada en Sevilla.