A PEZA, CREADA E DIRIXIDA POLO COREÓGRAFO CATALÁN CISCO AZNAR, REPRESÉNTASE NO PAZO DA CULTURA O DOMINGO 3 DE MAIO ÁS 20.00 HORAS

O Centro Coreográfico Galego clausura o Festival Primavera en Danza de Carballo con "Giseliña"

[30/04/2009]
O Pazo da Cultura de Carballo acollerá o domingo 3 de maio, ás 20.00 horas, a posta en escena da última proposta do Centro Coreográfico Galego (CCG), Giseliña, creada e dirixida polo coreógrafo catalán Cisco Aznar. Con esta representación clausúrase, ademais, a sétima edición do Festival Primavera en Danza que, organizado polo Concello de Carballo, ofrece dende o pasado día 23 un cartel no que se combina a exhibición de espectáculos con diferentes actividades dirixidas ao público xeral, como charlas, talleres ou encontros cos artistas.
As entradas para asistir a esta función poderán adquirirse no despacho de billetes do Pazo da Cultura o mesmo domingo a partir das 16.30 horas. A reserva de localidades pode realizarse a través do número de teléfono 981 704 300. Asemade, nos días previos á visita do CCG e co obxectivo de achegar á cidadanía a linguaxe artística de Cisco Aznar, as bailarinas e coreógrafas galegas Estela Lloves e Rut Balbis impartirán nove talleres coreográficos nos que participarán alumnos de distintos colectivos sociais de Carballo.

Coproducida xunto ao Teatro La Laboral de Xixón e o Centro Párraga de Murcia, Giseliña foi estreada o pasado mes de marzo na Coruña, iniciando despois unha ampla xira no marco da que xa visitou Santiago, Narón, Vigo, Cangas e Pontevedra, ademais de Xixón, Puertollano, Murcia, as cidades marroquís de Rabat e Tetúan e Amán en Xordania. Ademais, este mes de maio será representada tamén en Ferrol, Badalona e Tui.

Inspiración expresionista

A produción que protagoniza a temporada 2009 do Centro Coreográfico Galego toma como referencia o ballet clásico Giselle baixo a mirada orixinal e sorprendente de Cisco Aznar. Este catalán asentado en Suíza bota man dunha estética moi particular, excesiva e grotesca, que evoca as grandes obras do expresionismo alemán. Giseliña é unha versión totalmente contemporánea, que rompe cos códigos do ballet clásico, e na que se mesturan co movemento outras linguaxes artísticas como a vídeocreación, o cine ou as artes plásticas. O resultado é unha montaxe conmovedora que reta o espectador, esixíndolle atención e transportándoo a un mundo cheo de fantasía e referencias artísticas e cinematográficas. Os ideais románticos e a loita entre o amor e a morte están presentes en Giseliña, unha proposta de marcado carácter poético e complexidade creativa.

Cisco Aznar constrúe nesta peza un mundo polo que deambulan as pantasmas do pasado cuns movementos cargados de expresividade. Os bailaríns interpretan seres que se moven arredor das grandes paixóns, como son o amor ou a morte. A plasticidade das máscaras, a escenografía e o vestiario ideados por Luis Lara, o espazo sonoro -que inclúe as voces de Alicia Alonso e María Callas- ou os vídeos que se integran na montaxe crean unha atmosfera cargada de fantasía, que achega o espectador ao ámbito do sobrenatural.

Para a súa execución, Giseliña conta cun corpo de baile de 12 bailaríns e bailarinas de distintas procedencias, escollido a través de varias audicións públicas, e que compoñen Noemi Alberganti, Jorge Brea, Katja J. Geiger, Álvaro Esteban, Alba Fernández, Carmela García, Satoko Kojima, Amparo Novás, Ana Beatriz Pérez, Miguel Ángel Ponte, Julio César Quintanilla, Hannah Shakti e Jordi Vilaseca.

O director

Cisco Aznar é na actualidade o director artístico da compañía suíza Buissonnière. Nado en Cataluña, ao rematar os seus estudos na Escola de Arte Dramática e Coreográfica de Barcelona representa a España no Taller Coreográfico Europeo en Luxemburgo e no ano 1992 recibe unha bolsa de estudos para realizar o Taller de Maurice Béjart.

Dende 1993 traballa como bailarín e coreógrafo en Europa e América Latina, colaborando, entre outros, con compañías e profesionais como o Teatro do Liceo en Barcelona, Julio Bocca e Anna Maria Stekelmann en Bos Aires, o Grupo Vórtice en Brasil ou a compañía Nomades, Paco Decina, Redha e Philippe Lizon en Suíza. En 1998 asume a dirección artística da compañía de Lausanne Buissonnière, en Suíza.

Entre as súas creacións cómpre destacar a versión de Coppélia que realizou en 2006 para o Ballet du Grand Théàtre de Genève. En 1998 obtivo o Premio ao Mellor Espectáculo no Festival de Danse do Triángulo Mineiro (Brasil) por Adán e Pepa, en 2003 foi galardoado co Premio Jeunes Créateurs pour la Danse da Fondation Vaudoise e en 2007 obtivo o contrato de confianza de Lausanne, no Estado de Vaud e Pro Helvetia, para formar parte do equipo do Project Danse.