A FUNCIÓN TERÁ LUGAR O VENRES 22 DE MAIO ÁS 21.30 H NO TEATRO MUNICIPAL ÁREA PANORÁMICA

O Centro Coreográfico Galego pecha a xira de Giseliña en Tui

[21/05/2009]
O Teatro Municipal Área Panorámica de Tui acollerá este venres 22 de maio, ás 21.30 horas, a posta en escena da última produción do Centro Coreográfico Galego (CCG), Giseliña, creada e dirixida por Cisco Aznar. Asemade e co obxectivo de achegar a danza contemporánea a cidadanía, máis concretamente a linguaxe de Cisco Aznar, a coreógrafa e bailarina galega Estela Llovés impartirá o venres 22 de 20.30 h a 22.30 h no Centro Cultural San Fins un taller de danza contemporánea para públicos.
En Giseliña participa un corpo de baile de 12 intérpretes que executan por medio da danza e en clave contemporánea esta peza inspirada no mítico Giselle. As entradas para asistir á función estarán a venda o mesmo venres 22 a partir das 20.00 horas no despacho de billetes do teatro municipal Área Panorámica ou na web: www.culturatui.info. Esta función pon fin a unha xira coa que se percorreron 16 prazas, 10 delas galegas, 3 do resto do estado español e 3 do estranxeiro, incluíndo as cidades marroquís de Rabat e Tetuán e a xordana Amann.

Inspiración expresionista

A produción que protagoniza a temporada 2009 do Centro Coreográfico Galego toma como referencia o ballet clásico Giselle baixo a mirada orixinal e sorprendente de Cisco Aznar. Este catalán asentado en Suíza bota man dunha estética moi particular, excesiva e grotesca, que evoca as grandes obras do expresionismo alemán. Giseliña é unha versión totalmente contemporánea, que rompe cos códigos do ballet clásico, e na que se mesturan co movemento outras linguaxes artísticas como a vídeocreación, o cine ou as artes plásticas. O resultado é unha montaxe conmovedora que reta o espectador, esixíndolle atención e transportándoo a un mundo cheo de fantasía e referencias artísticas e cinematográficas. Os ideais románticos e a loita entre o amor e a morte están presentes en Giseliña, unha proposta de marcado carácter poético e complexidade creativa.

Cisco Aznar constrúe nesta peza un mundo polo que deambulan as pantasmas do pasado cuns movementos cargados de expresividade. Os bailaríns interpretan seres que se moven arredor das grandes paixóns, como son o amor ou a morte. A plasticidade das máscaras, a escenografía e o vestiario ideados por Luis Lara, o espazo sonoro -que inclúe as voces de Alicia Alonso e María Callas- ou os vídeos que se integran na montaxe crean unha atmosfera cargada de fantasía, que achega o espectador ao ámbito do sobrenatural.

Para a súa execución, Giseliña conta cun corpo de baile de 12 bailaríns e bailarinas de distintas procedencias, escollido a través de varias audicións públicas, e que compoñen Noemi Alberganti, Jorge Brea, Katja J. Geiger, Álvaro Esteban, Alba Fernández, Carmela García, Satoko Kojima, Amparo Novás, Ana Beatriz Pérez, Miguel Ángel Ponte, Julio César Quintanilla, Hannah Shakti e Jordi Vilaseca.

O director

Cisco Aznar é na actualidade o director artístico da compañía suíza Buissonnière. Nado en Cataluña, ao rematar os seus estudos na Escola de Arte Dramática e Coreográfica de Barcelona representa a España no Taller Coreográfico Europeo en Luxemburgo e no ano 1992 recibe unha bolsa de estudos para realizar o Taller de Maurice Béjart.

Dende 1993 traballa como bailarín e coreógrafo en Europa e América Latina, colaborando, entre outros, con compañías e profesionais como o Teatro do Liceo en Barcelona, Julio Bocca e Anna Maria Stekelmann en Bos Aires, o Grupo Vórtice en Brasil ou a compañía Nomades, Paco Decina, Redha e Philippe Lizon en Suíza. En 1998 asume a dirección artística da compañía de Lausanne Buissonnière, en Suíza.

Entre as súas creacións cómpre destacar a versión de Coppélia que realizou en 2006 para o Ballet du Grand Théàtre de Genève. En 1998 obtivo o Premio ao Mellor Espectáculo no Festival de Danse do Triángulo Mineiro (Brasil) por Adán e Pepa, en 2003 foi galardoado co Premio Jeunes Créateurs pour la Danse da Fondation Vaudoise e en 2007 obtivo o contrato de confianza de Lausanne, no Estado de Vaud e Pro Helvetia, para formar parte do equipo do Project Danse.