OS CONCERTOS DOS ARTISTAS GALEGOS CONGREGARON A MÁIS DE 4.000 ESPECTADORES

A música galega pecha con éxito a súa primeira participación na BAFIM

[23/11/2009]
A participación de Galicia na BAFIM (Buenos Aires Feria Internacional de la Música) concluíu onte cun primeiro balance moi positivo tanto no que se refire á gran acollida dos concertos programados como aos novos contactos establecidos polas empresas galegas cara a próximas accións comerciais en Latinoamérica. Carlos Núñez, Xoel López e Vestuta Morla, Uxía e Alô Irmao (Fran Pérez "Narf" e Manecas Costa) reuniron preto de 4.000 persoas nas catro actuacións celebradas a pasada semana en diferentes teatros e salas de Bos Aires como parte dunha programación especial que foi publicitada en toda a cidade baixo a marca Galician Tunes.
Ademais de obter unha entusiasta resposta por parte do público porteño, os concertos celebrados no Teatro Coliseo e nas salas La Trastienda e Niceto congregaron tamén numerosos medios de comunicación especializados e axentes musicais acreditados en BAFIM. Deste xeito e xunto coa promoción dos grupos representados polas compañías galegas participantes, esta programación paralela serviu para conceder un maior protagonismo á presenza de Galicia nesta feira internacional.

A delegación galega, que viaxou a Bos Aires co apoio da Consellería de Cultura e Turismo a través da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), estivo composta polos representantes das compañías EsmerArte Servicios Artísticos (La Fábrica de Chocolate), Keltia Producións, Nordesía, Ouvirmos e Lonxa Cultural e das dúas principais asociacións do sector: Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas) e AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais), esta última encargada da organización da participación galega no evento.

Distribución de música galega

Durante a súa estadía en BAFIM, que foi clausurada onte no Centro Costa Salguero de Bos Aires tras catro intensas xornadas de actividade, as empresas estableceron relacións estratéxicas cara á incursión da industria musical galega en diferentes mercados latinoamericanos. Neste sentido, destacan os acordos acadados con axentes de Arxentina, Brasil, Chile, Uruguai, Paraguai e Bolivia, entre outros, para a distribución discográfica de diferentes artistas e grupos nos seus respectivos países.

A diferenza doutras feiras do sector, BAFIM tamén abriu as súas portas ao público xeral, que tivo a oportunidade de coñecer de primeira man unha mostra da música que se fai en Galicia a través do stand instalado no recinto feiral e da actuación ofrecida por Xoel López dentro do programa oficial de showcases.

Material promocional

Tanto os profesionais como os visitantes que pasaron por Costa Salguero puideron facerse cun CD de audio, editado con motivo da recente participación galega no Womex 2009 e que ofrece unha selección de temas interpretados por artistas galegos como bOnOvO, Fía na Roca, Milladoiro, Berrogüetto, Nova Galega de Danza, Rosa Cedrón, Mercedes Peón, Uxía, Alô Irmao, Hermanos Moreira, Orquestra Vigo 430, ISGA Collective, Donatore di Groove, Xosé Manuel Budiño, Cristina Pato & Mutenrohi ou Anxo Lorenzo. Distribuíronse, así mesmo, numerosas tarxetas de presentación da marca e da páxina web Galician Tunes, que dá entrada a unha ampla selección de recursos musicais, ofrecendo aos usuarios a posibilidade de escoitar temas de grupos galegos, consultar novas e información sobre a internacionalización da música galega ou acceder a unha guía que inclúe artistas, compañías, festivais, asociacións profesionais, organismos oficiais e circuítos musicais.

Un total de 750 profesionais da música de 12 países -cunha destacada representación de Brasil e España, ademais de Arxentina- participaron nesta cuarta edición de BAFIM, consolidada xa como un dos principais encontros profesionais para a industria musical latinoamericana. Durante os catro días de feira, o recinto acolleu 75 stands de empresas e entidades e outros tantos showcases de solistas e grupos de moi diferentes estilos. Xoel López foi o representante galego nesta selección oficial, que ofreceu tamén as actuacións de Revolver, Pereza, Nena Daconte e Annie B. Sweet, entre outros destacados nomes do panorama musical español e latinoamericano.