A SAXOFONISTA E PERCUSIONISTA GALEGA INTRODUCIRÁ OS ALUMNOS NAS TÉCNICAS BÁSICAS DE IMPROVISACIÓN, NO TRABALLO RÍTMICO E NA ESTRUTURACIÓN DESTE TIPO DE PEZAS

Chefa Alonso pecha o ciclo de "master class" de música tradicional cun obradoiro sobre improvisación libre

[11/12/2009]
A saxofonista e percusionista coruñesa Chefa Alonso impartirá do 16 ao 18 de decembro en Santiago o obradoiro de improvisación libre co que se pechará o ciclo de tres master class de música tradicional que organiza a AGADIC na sede da Escola de Altos Estudos Musicais. A través deste curso, de caracter eminentemente práctico, os alumnos terán a oportunidade de achegarse de xeito gradual e imaxinativo a diferentes técnicas de improvisación libre, abordadas dende unha ampla perspectiva canto a influencias e estilos, máis alá da súa habitual vinculación ao ámbito do jazz.
Nas sesións lectivas, que se desenvolverán en horario de mañá, traballaranse moi diferentes aspectos da improvisación libre, considerada esta como un modelo de comunicación colectiva onde interactúan varias formas de expresión individuais: a escoita, a concentración, a interacción, a confianza do intérprete, a enerxía, o silencio, a memoria e a ocorrencia musical, ou a exploración melódica, rítmica ou tímbrica do instrumento, entre outros.

Músicos profesionais e estudantes

As clases diríxense tanto a músicos profesionais coma a estudantes de conservatorios ou escolas de música. Os participantes, que poden inscribirse on line a través da web www.masterclassdemusicatradicional.info, terán que achegar o seu propio instrumento e aboar previamente 100 euros en concepto de custo de matrícula.

Chefa Alonso propón tres aspectos de intervención musical activa para introducir os alumnos neste tipo de improvisación. Así, en primeiro lugar, abordarase diferentes técnicas básicas a través, por exemplo, da exploración non convencional dos instrumentos, a creación de diferentes atmosferas, a realización de pequenos solos e dúos encadeados, a construción de miniaturas, ou a exploración de timbres e sons tanto co instrumento como sen el (mediante a voz, o corpo ou o contorno).

Os outros dous eixes do obradoiro serán o traballo rítmico (compases irregulares, diversidade e ausencia de pulso, traballo polimétrico...) e a estruturación de pezas de improvisación libre tanto en solos como en distintas agrupacións instrumentais. A audición de diferentes exemplos representativos do material traballado en cada sesión complementará esta terceira e última master class do ciclo organizado pola AGADIC.

O recoñecido violinista escocés Duncan Chisholm foi o encargado de inaugurar en novembro este programa de apoio á formación en música tradicional, dentro do que tamén se está a celebrar o encontro "A percusión non tradicional na música folk galega", impartido polo percusionista galego Carlos Castro, xefe do departamento de Percusión do Conservatorio Superior de Música de Vigo e batería do grupo Fía na Roca. Neste último caso, as sesións deron comezo o pasado día 4 e continuarán na tarde de hoxe e do vindeiro día 18.

Prestixiosa traxectoria

Saxofonista e percusionista de free jazz e improvisación libre, Chefa Alonso inicia a súa carreira musical no jazz co septeto El Combo de Sara, que na década dos oitenta abre concertos de artistas coma Art Blakey and The Jazz Messengers, Don Pullen ou Phil Woods. Desde entón, desenvolveu unha prestixiosa traxectoria, durante a que tocou xunto a grandes improvisadores do panorama internacional como John Edwards, Tony Marsh, Vanessa Mackness, Terry Day, Lou Grassi, Barbara Wagner, Co Streiff, Ute Voelker, Günter Heinz ou John Russel. Ademais, ten participado en numerosos festivais dentro e fóra das nosas fronteiras: Freedom of the City (Londres), WIM, Festival Internacional de Improvisación de Zug (Suíza), Festival de Improvisación de Dresden (Alemaña), Musique et Quotidien Sonore (Albi, Francia), La Flibuste (Toulouse, Francia), Improvisa (Barcelona), Escucha (Madrid), etc.

Alonso é cofundadora do colectivo Musicalibre, co que organiza anualmente o Festival Internacional de Improvisación Hurta Cordel en Madrid. Ademais de manter os seus grupos de música estábeis Akafree (cuarteto de free jazz no que interpreta as súas propias composicións) e Sin Red (cuarteto de improvisación libre), pertence ás orquestras de improvisadores LIO (London Improvisers Orchestra), FOCO (Orquestra de Improvisadores de Madrid) e OMEGA (Orquestra de Música Espontánea de Galicia).

Desde o ano 1995, vén desenvolvendo una importante actividade docente. Cómpre destacar a súa etapa como profesora de saxofón na Escola Municipal de Música de Tres Cantos e como mestra de improvisación na Aula de Músicas de Madrid, ademais dos numerosos seminarios de improvisación libre impartidos. Actualmente vive en Madrid e é doutora en Composición e Improvisación pola Universidade de Brunel (Londres).